HomeA CoruñaO Grupo Socialista denuncia a falta de vontade de negociar do Goberno...

O Grupo Socialista denuncia a falta de vontade de negociar do Goberno de Sanmartín e condiciona a negociación de orzamentos de 2026 ao cumprimento dos compromisos previos

- Anuncio -spot_img

A concelleira socialista Marta Abal advirte de que o apoio das e dos socialistas ás contas municipais “non é nin será un cheque en branco”.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026. O Grupo Municipal Socialista denuncia que o Goberno de Goretti Sanmartín evidencia unha falta de vontade real de negociar e lembra que non se pode iniciar un diálogo sobre os orzamentos de 2026 sen render contas sobre os acordos de orzamentos dos anos anteriores.
“Antes de falar de novos orzamentos para 2026, é fundamental coñecer con detalle o grao de execución e cumprimento dos compromisos adquiridos nos orzamentos de 2025”, afirma a concelleira Marta Abal.
“Para nós isto é unha condición imprescindible”, sinala Abal, quen engade que “a partir de aí, o Partido Socialista ten plena disposición para chegar a entendementos”.
O Grupo Municipal Socialista manterá unha posición firme fronte a calquera intento de converter a negociación orzamentaria nun simple trámite ou nun intercambio político sen garantías de cumprimento.
“O apoio aos orzamentos municipais de Santiago de Compostela non é nin será un cheque en branco”, afirma Marta Abal, que lembra que “a nosa obriga é defender á cidadanía con responsabilidade institucional, pero tamén con esixencia política”.
As e os socialistas advirten de que Santiago non pode permitirse uns orzamentos desconectados da realidade social e económica da cidade nin baseados en promesas que logo non se cumpren.
“O Partido Socialista ten disposición ao diálogo, pero só desde un proceso negociador serio e real, con propostas solventes e realizables, pensadas para responder ás demandas reais das veciñas e dos veciños”, indica a concelleira Marta Abal.

Publicacións Relacionadas