A concelleira Marta Abal lembra que o proxecto de 577.089,55 euros é unha realidade porque o Grupo Socialista impuxo as demandas veciñais na negociación dos orzamentos, obrigando ao executivo de Sanmartín a pasar da propaganda aos feitos.
O Grupo Municipal Socialista celebra a aprobación do proxecto de renovación do campo de fútbol Suso Conde de Villestro, unha actuación que o partido reivindica como un froito directo da súa capacidade de negociación e presión política.
“Hoxe o Grupo Municipal Socialista pode anunciar que a renovación integral do campo Suso Conde de Villestro xa ten luz verde, cun proxecto de máis de 577.000 euros que vai transformar o céspede, as porterías e toda a seguridade da instalación”, indica a concelleira socialista Marta Abal.
Abal subliña que, malia que o anuncio sexa hoxe publicitado polo goberno municipal, “o que a veciñanza de Villestro ten que saber é que isto non é froito da inercia do goberno de Goretti Sanmartín. Se hoxe este proxecto vai adiante é, única e exclusivamente, porque o Grupo Municipal Socialista impuxo esta obra como unha condición innegociable na negociación dos orzamentos”, explica.
“Mentres o goberno municipal permanecía instalado na parálise, permitindo que as instalacións deportivas se deteriorasen ata límites perigosos, nós puxémonos a traballar, a esixir prazos, cantidades concretas e compromisos reais”, sinala a concelleira.
Marta Abal critica tamén a falta de prioridades do actual executivo e defende unha xestión orientada ás necesidades reais da cidadanía: “Reclamamos que os recursos públicos deixasen de empregarse en propaganda e se destinasen ás parroquias e aos barrios, onde están os problemas e onde vive a xente”.
“Grazas a firmeza do partido socialista, as nenas e nenos de Villestro van deixar de xogar nun céspede que era unha trampa para as lesións”, engade
“Esta é a política que defendemos: liderar desde a oposición para que Santiago avance, mesmo cando o goberno non está á altura”, afirma Abal, que conclúe asegurando que “non imos dar un paso atrás e imos vixiar a execución deste proxecto, porque cando o Partido Socialista cumpre coa súa palabra, quen gaña é a veciñanza”.



