A concelleira Marta Abal esixe transparencia ao Goberno municipal, ao que acusa de ocultar a magnitude real dunha parálise que obrigará ao Concello a pagar con fondos propios os investimentos que os socialistas deixaran financiados
O Grupo Municipal Socialista denunciou hoxe a política de opacidade que está a manter o Goberno de Goretti Sanmartín en relación aos fondos europeos destinados á cidade. A concelleira Marta Abal criticou que o executivo de BNG e Compostela Aberta estea a ocultar a magnitude real do fracaso na execución duns investimentos que o anterior goberno socialista deixara garantidos e que agora corren un serio risco de perderse.
“Como era previsible o goberno municipal non foi quen de executar a tempo as actuacións incluídas no proxecto ‘Entre Sar e Sarela’. Unha aposta pola recuperación ambiental e adaptación ao cambio climático de Santiago pola que o Partido Socialista acadou unha axuda de 3,6 millóns de euros dos Fondos Next Generation”, explicou Marta Abal.
A concelleira lamentou a falta de información clara por parte do Goberno de Sanmartín sobre o avance destes proxectos. Malia que os prazos de execución están a piques de expirar, a ausencia de noticias sobre o estado real das obras xera unha fonda preocupación sobre a posible perda dos fondos europeos.
“Aínda que a convocatoria indicaba claramente que as actuacións tiñan que estar executadas a 31 de decembro de 2025, prórrogas incluídas, a situación actual é que a obra do barrio verde de Pontepedriña aínda non está rematada e a obra relativa á recuperación da Lagoa do Auditorio e do Río Corgo nin tan sequera se adxudicou”, detallou Abal.
Para as e os socialistas, esta falta de información é especialmente grave porque as consecuencias terá que pagalas a veciñanza de Santiago.
“Queda por saber cantos cartos se perderán de subvención europea que o Concello deberá suplir con fondos propios para rematar o proxecto. Cartos que se suman aos 2 millóns de euros perdidos para modernizar a Praza de Abastos e que poderían empregarse para dar solución a tantas necesidades que ten a nosa cidade”, denunciou a concelleira.
O Grupo Municipal Socialista acusa ao goberno de Sanmartín de ser incapaz de xestionar a “herdanza recibida” e de pretender que o seu desleixo pase desapercibido para a opinión pública.
“Aínda que moitas veces afirmamos que o goberno do Bloque Nacionalista Galego e de Compostela Aberta viven da herdanza recibida, a súa incapacidade na xestión nin tan sequera lles permite sacar todos os réditos posibles da mesma”, afirmou Marta Abal.
Finalmente, o Grupo Socialista esixe ao executivo de Sanmartín que abandone o escurantismo, dea a cara e aclare cantos cartos públicos lle vai custar aos composteláns a súa falta de capacidade para xestionar os fondos que o PSdeG-PSOE en Santiago deixou na cidade.
“A cidadanía de Santiago merece un goberno responsable e dilixente que faga de Santiago a cidade de referencia que merece ser”, concluíu Marta Abal.



