O litoral de Corrubedo será obxecto da segunda limpeza de praias no 31 de maio

Redacción

 Trátase dunha acción impulsada polo Concello de Ribeira e Grip Surf School xunto a outras entidades

O Concello de Ribeira promove unha nova acción de acondicionamento de praias, desta vez, xunto a Grip Surf School e outras entidades como anunciaron o concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes; o seu homólogo de Medio Ambiente, Víctor Reiriz; e Álex Sebastian, responsable da escola de surf. Trátase da segunda limpeza da costa en Corrubedo que terá lugar no domingo, 31 de maio, de 10.00 a 13.30 horas, e que abranguerá o tramo dende A Ladeira ata o faro. En consecuencia, os adultos chegarán á zona da Estación de Depuración de Augas Residuais, mentres que a rapazada o fará ata A Robeira.

O punto de encontro será no chiringuito Ladeira Beach, onde se repartirán bolsas e luvas.

Tal e como explica o concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes, “é a segunda limpeza que facemos neste ano con Grip Surf School na costa de Corrubedo. A primeira foi en marzo e contou coa participación de 130 persoas voluntarias, o que se traduciu na retirada de catro toneladas de lixo entre A Ladeira e O Prado. Agora que xa comezamos coa tempada estival, decidimos repetir a experiencia para seguir avanzando na educación ambiental e no coidado e preservación das contornas naturais.”

En sentido similar tamén se pronuncia o edil de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, para quen “é preciso acadar a implicación da cidadanía no coidado das nosas contornas, pois axudan a sensibilizar e tamén é unha acción que redunda positivamente no conxunto da sociedade. E iremos ampliando o rango de acción destas limpezas a outros areais do municipio.”

Comparte este artigo