Trátase dunha proposta enmarcada no Nadal Cultural do Concello de Ribeira
Cans, lontras, osos polares, loros con crista… Diferentes animais toman as paredes do Centro Cultural Lustres Rivas en formato de 35 acuarelas baixo o nome Besties, da artista ribeirense Pilar Ageitos.
A creadora experimenta variedade de soportes, técnicas e linguaxes expresivas, se ben a investigación gráfica en torno ás figuras humanas e animais é o eixo da súa obra en calquera das súas fases evolutivas. E, nesta mostra, Ageitos quixo retratar ao mellor amigo do ser humano, a ese bestie de pelo ou de plumas, facendo fincapé na forza do vínculo humano-animal, e que vai a beneficio de Callejeros Barbanza.
No acto inaugural, a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, sinalou que esta actividade atópase ao abeiro da programación do Nadal Cultural de Ribeira; “unha nova exposición protagonizada polo talento local”, sinalou.
Pilar Ageitos rexeita aquí plasmar aos animais como instrumento para un fin como sucede nas escenas de caza ou como parte de naturezas mortas. “Amosa a súa esencia, a súa viveza, coa elegancia da acuarela creando efectos máis translúcidos e vibrantes. Primeiros planos que reflicten con perfección cada pequeno detalle: o movemento do pelo dos cans, os bigotes da lontra, a maxestuosidade da plumaxe dun loro de crista, etcétera”, en palabras da edil.
Como declarou a propia artista, para esta mostra optou por facer obra nova e unha das súas inspiracións foi un cadro do pintor Alberto
Durero, do século XV, no que se observa unha lebre sobre un fondo branco. Pero na vida de Ageitos, os animais teñen máis presenza alén do papel, pois ten un can e tres gatos. De feito, precisou que Daisy e Simón foron clave no proceso creativo aportando sosego.
E tamén interveu Maruxa Martínez, en calidade de comisaria. Como relatou, esta exposición cuestiona os conceptos do doméstico e do salvaxe, establecendo un diálogo entre o que adoita considerarse humano e o animal. Un discurso que pode contemplarse nos cadros, pois entre todos eles hai nexos. Isto pasa en Besties, que xoga coa palabra de best friend (mellor amigo), en inglés, e a besta, en galego.
As visitas pódense realizar ata o 31 de xaneiro, de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, ademais dos sábados, desde as 10.00 ata as 14.00 horas.



