HomeA CoruñaO Museo Arqueolóxico viaxa ao pasado para profundar no tratamento da saúde...

O Museo Arqueolóxico viaxa ao pasado para profundar no tratamento da saúde e os seus coidados na antigüidade e a Idade Media

- Anuncio -spot_img

Mañá abrirase o prazo de inscrición para as visitas guiadas e os obradoiros previstos o vindeiro sábado 17 de xaneiro

O Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón arrinca a súa programación deste ano con ‘A saúde antes de agora’, unha viaxe especial á Idade Antiga e á Idade Media, na que se profundará no tratamento da saúde corporal e os seus coidados en séculos pasados. Será o vindeiro sábado 17 de xaneiro, xornada na que hai que prevista unha ampla axenda de actividades.

O día comezará ás 11.45 horas co obradoiro infantil ‘Enfermar e sandar no pasado’, ideado para nenas e nenos de 6 a 12 anos, con 20 prazas dispoñibles. No transcurso da actividade, a rapazada participante poderá aprender máis sobre os remedios elaborados con plantas e as crenzas especiais que se empregaban para curarse cando non existían médicos nin hospitais como actualmente. Ademais, achegaranse á exposición do museo para observar os restos arqueolóxicos que chegaron ata nós e, xa por último, experimentarán coa elaboración dun remedio caseiro que poderán levar para a casa.

Xa ás 12.00 horas, haberá unha visita guiada, un percorrido concibido para dar a coñecer o contido e a historia do Castelo de San Antón e as diversas seccións do Museo Arqueolóxico e Histórico. Ofértanse 25 prazas para público en idade adulta.

Por último, e en horario de tarde (17.00 horas), haberá outro obradoiro para persoas en idade desde 16 anos. ‘Enfermidades: unha ollada ao pasado’ propón un percorrido polas diferentes enfermidades que asolaron as diversas sociedades ao longo da historia.

Analizarase como eran entendidos o corpo humano e a orixe das enfermidades e das grandes pandemias. Tamén os métodos de curación empregados, rituais e crenzas relixiosas. Xa para rematar, reflexionarase sobre a evolución da medicina e a súa relación coas prácticas actuais.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a participar nesta primeira programación de temática específica en San Antón neste ano 2026, e subliñou a importancia de que “todas e todos os coruñeses, independentemente da súa idade, coñezan máis polo miúdo un dos principais enclaves patrimoniais e históricos da nosa cidade, que garda moita historia tras as súas portas”.

O prazo de inscrición nas actividades abrirase mañá, venres 9, a partir das 10.00 horas. No caso das visitas guiadas, as persoas interesadas en obter praza poderán chamar ao número de teléfono 981 189 850. Xa no referente ao obradoiro infantil e ao de adultos, a reserva pode efectuarse a través da plataforma de ticketing do Concello.

Todas as actividades son gratuítas, con reserva previa.

Publicacións Relacionadas