O Museo das Minas de San Finx foi distinguido no IX Encontro de Patrimonio Mineiro en Común “Aníbal Vázquez”, celebrado en Mieres (Asturias) e organizado polo Concello de Mieres en colaboración con Hunosa e a asociación cultural e mineira Santa Bárbara. Ata aló desprazouse a técnica do Museo das Minas de San Finx, Beatriz Iglesias, para recoller a distinción e participar nunhas xornadas que cada ano reúnen a profesionais de toda España dedicados á xestión, conservación e difusión do patrimonio mineiro.
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, agradece “a hospitalidade do Concello de Mieres, a súa excelente organización do encontro e a gran acollida recibida por parte da asociación Santa Bárbara, entidade que todos os anos nos visita en Lousame con motivo da celebración da súa festividade”. Así mesmo, salienta “o recoñecemento ao noso pequeno museo, pois é un estímulo para seguir traballando na conservación e posta en valor do noso patrimonio e a nosa historia”.
A novena edición do Encontro de Patrimonio Mineiro en Común “Aníbal Vázquez” reuniu participantes procedentes de Asturias, Andalucía, Castela e León, Galicia ou o País Vasco, que tiveron a ocasión de desfrutar dunha programación que mesturou mesas de debate, intercambio de experiencias entre especialistas e visitas guiades a enclaves tan representativos como os pozos Santo Tomás, San José e Santa Bárbara, este último recoñecido como o primeiro pozo mineiro declarado Ben de Interese Cultural, ou o monumento á herdanza mineira do Val de Turón.