Estiveron no parque periurbano de San Roque e no taller de carpintaría
Os vinte alumnos do obradoiro de emprego Tahume XI, que comparten e impulsan en colaboración os concellos de Ribeira e O Porto do Son, iniciaron xa a parte práctica do itinerario formativo con traballos no parque periurbano de San Roque e no taller de carpintaría.
No módulo de forestal, as persoas participantes están a realizar traballos de roza e acondicionamento no dito espazo público, contribuíndo así á súa mellora e conservación.
En canto á especialidade de carpintaría, comezaron xa no taller con tarefas propias da formación, adquirindo os coñecementos e habilidades necesarias para o desempeño profesional.
“O alumado empezou nestas dúas últimas semanas a poñer en práctica os coñecementos adquiridos nas aulas, contribuíndo tamén cos seus traballos ao beneficio da sociedade, pois fan as tarefas en espazos públicos e con mobiliario urbano. E, por suposto, non nos podemos esquecer da finalidade: mellorar a súa empregabilidade en nichos de mercado que demandan traballadores”, en palabras da concelleira ribeirense de Promoción Económica, Carmen Pérez.
Formación teórica e práctica
Este programa botou a andar no pasado mes de xuño cun total de 20 persoas participantes e combina formación teórica e práctica. O obxectivo é a mellora da empregabilidade das persoas dos dous concellos, onde o alumnado recibe formación no ámbito profesional de forestal e de produción de carpintería e moble.
Durante nove meses asisten ás especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble; Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e Traballos de carpintería e moble.
A maiores da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibe formación en competencias dixitais, igualdade,
medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras.
O dito obradoiro conta co apoio da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, que aporta unha achega de 546.552 euros para esta iniciativa de emprego.

