Home A Coruña O outubro valleinclaniano deixa na Pobra unha quincena de citas culturais

O outubro valleinclaniano deixa na Pobra unha quincena de citas culturais

- Anuncio -

A Pobra do Caramiñal ten sempre presente a Valle-Inclán e, como cada ano, dedícalle o mes de outubro coas xornadas de homenaxe que chegan á súa vixésimo sexta edición.

No acto de presentación participaron o alcalde, José Carlos Vidal; o director xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González.

A creación do centro de estudos valleinclanianos no antigo auditorio supón un fito para A Pobra, como manifestou o rexedor, e será dotado coa bibliografía cedida por Xaquín del Valle-Inclán Alsina, ademais de incorpora-la colección coa que xa conta a institución museística. “Esta cesión converte a este Museo nun dos principais centro de estudos sobre a figura de don Ramón del Valle-Inclán que hai, xa non só en Galicia e na península, senón en todo o mundo”, polo que quixo agradece-la xenerosidade e implicación do neto escritor ao longo de tantos anos. “Hai unha serie de innovacións que lle dan a este programa un atractivo engadido”, apuntou o mandatario local.

A edil salientou que a figura e obra de Valle-Inclán “son patrimonio non só de Galicia, senón que do mundo enteiro. A súa capacidade para innovar, para romper moldes e para dar unha visión crítica, irónica e, ás veces, tráxica da realidade, convertérono nun referente do modernismo e do esperpento. É precisamente esa riqueza e profundidade a que nos impulsa a poñer en valor e divulga-lo seu legado, para que as novas xeracións e o público en xeral sigan descubrindo a vixencia do seu pensamento e o seu arte. Entre as novidades deste ano quero destacar Café con L, unha proposta pensada para quen desexe participar en lecturas e conversas en torno á figura do escritor. Será un momento de proximidade, de intercambio de ideas, de diálogos sobre a súa vida e a súa obra, así como a súa influencia na literatura e na cultura contemporánea.”

Trátase dun nutrido e heteroxéneo programa de actos que conta co apoio da Xunta de Galicia, xunto con outras entidades. En representación da Administración autonómica, o director xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo, quixo recoñece-lo traballo do Concello e do Museo por seguir “na estela de poñer a Valle-Inclán no foco de atención neste mes valleinclaniano. É unha programación moi interesante, á altura do que debe ser focalizar nun mes a actividade arredor dunha figura capital da literatura española; un galego que fixo unha achega significativa á dramaturxia, á literatura dramática e, polo tanto, á literatura española e universal. Unha figura pola cal nos coñecen moito fóra, igual que outros insignes escritores e escritoras que levan a denominación de Galicia polo mundo adiante.”

En canto ao contido, o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, subliñou que se deseñou unha axenda “que fose enriquecendo a calidade e diversidade da programación despois de superar no ano pasado as vodas de prata deste evento que se converteu en todo un mes de actividades dedicadas a un dos grandes creadores da literatura en Galicia e un dos grandes embaixadores da cultura galega en España e alén do Atlántico.”

Como xa é habitual, apóstase polas artes escénicas, as presentacións literarias e a tradicional conmemoración do nacemento do literato, pero tamén se recuperan outras actividades e introdúcense novidades.

O apartado das representacións sobre as táboas do teatro cine Elma estará protagonizado por Don Ramón María del Valle-Inclán. El de las barbas de chivo, de Teatro del Norte (no domingo 6, ás 19.30 horas); Los Cuernos de don Friolera, de La Quimera de Plástico (no domingo 13, ás 19.30 horas); Luces de Bohemia, de MyH Producciones (no domingo 20, ás 19.30 horas); e Las galas del difunto… e outros esperpentos, de Cardume Teatro (no domingo 27, ás 19.30 horas). Pero a dramaturxia tamén chegará en formato de roteiro teatralizado por espazos valleinclanianos da Pobra con A vila na que as pariu! Cen anos das Luces de Bohemia de Valle-Inclán, da man de Teatro Enpunto, no sábado 26, a partir das 12.30 horas.

Presentaranse tamén dúas publicacións. Primeiramente, o libro A única, María Casares, de Anne Plantagenet, darase a coñecer no venres 18, ás 20.00 horas, no auditorio da biblioteca municipal. Aproveitarase a ocasión para ter un encontro coa actriz Berta Ojea, Premio Mestre Mateo 2023 pola serie Rapa. Mesturarase así o mundo da literatura e o audiovisual. E, ademais, introducirase ao público pobrense a Flor de Santidad: Historia milenaria, de Ramón del Valle-Inclán con edición facsímil a cargo de Olivia Rodríguez Tudela, profesora da Universidade da Coruña, quen estará acompaña polo editor, Quique Alvarellos Casas. Esta obra foi recoñecida polo Ministerio de Cultura co segundo premio ao facsímil mellor editado en España no 2023. Será no venres 25, ás 20.00 horas, na sala de iconografía do Museo Valle-Inclán.

Haberá, así mesmo, oco para unha palestra impartida polo investigador e neto do escritor, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, con O modernismo e as drogas. Terá lugar no venres 11, ás 20.00 horas, no auditorio da biblioteca municipal. E, xa de xeito máis distendido, a sala de iconografía da institución museística converterase nun parladoiro no sábado 19, ás 17.30 horas, coa iniciativa Café con L: lecturas e conversas arredor do escritor degustando café con doces.

Os pratos fortes destas xornadas resérvanse para o final do mes coa conmemoración do nacemento de Valle-Inclán, no mércores 30. A música tradicional soará con Os Caraveiros, das 12.00 horas en diante, por espazos do centro urbano para dar paso, ás 12.30 horas, á tradicional ofrenda cívica, no Cantón da Leña. Incorpórase novamente o plantado da camelia Valle-Inclán, que se efectuará na praza de Galicia, ás 13.00 horas. A maiores, os Xardíns de Valle-Inclán converteranse nunha extensión do Museo durante un período de tempo coa exposición a ceo aberto Luces de Bohemia (1924-2024), con Antonio González Millán como comisario.

Como cada ano, apóstase por aproxima-la figura do literato aos diferentes graos de ensinanza. Para as escolas infantís configúrase a actividade Pinta a Valle-Inclán, a partir do xoves 10, para aplicar calquera técnica plástica en ilustracións da autoría do artista Siro, coa posterior exposición na casa da cultura. O estudantado do IES ten unha función exclusiva de Luces de Bohemia, de MyH Producciones, no luns 21, ás 11.30 horas, no Elma. E tamén hai teatro para o alumnado dos CEP Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. Teatro Cachirulo representará Farsas no mércores 23 e xoves 24, ás 11.30 horas, no Elma.

A ilustración da cartelaría deste ano foi realizada por Siro López.

Relacionadas

Maxestuosa actuación do alumnado da Escola Municipal de Danza co Crebanoces

0
A elevada calidade artística do alumnado da Escola Municipal de Danza quedou patente unha vez máis esta tarde en Mera, no Auditorio Gabriel García...

Juan Ignacio Borrego, na visita do CLIAC á Cociña Económica: “Pola súa empatía, as...

0
A rapazada que integra o Consello Local da Infancia da Coruña visitou esta tarde as instalacións do comedor social na rúa Socorro, acompañados polo...

O BNG de Oleiros preguntará no vindeiro pleno polas novas analíticas que declaran...

0
Após o tanque de tormentas, de 4 millóns de euros, continúa como zona vetada ao baño Falaba a  Xunta da Galiza aló polo ano de...

O Concello de Carballo duplica o número de minipuntos limpos de proximidade para facilitar...

0
Os novos puntos, situados nos barrios da Milagrosa, O Chorís e O Hospital-San Cristovo, inclúen por primeira vez un depósito específico para material escolar O...

A cabalgata de Papá Noel percorrerá o luns toda Neda para chegar aos nenos...

0
A cita, organizada polo Concello terá lugar o luns 23 de decembro, ao longo de toda a xornada A continuación, terá lugar a tradicional recepción...

Circo e xadrez en San Sadurniño… e avance da programación da fin de semana

0
A Casa da Cultura encheuse esta mañá de risas e números abraiantes coa Gala de Circo que nos ofreceu Culturactiva. Un espectáculo organizado polo...

Publicacións Relacionadas