HomeA CoruñaA CoruñaO Palacio Municipal de María Pita acolle a mostra ‘Configuracións’, do prestixioso...

O Palacio Municipal de María Pita acolle a mostra ‘Configuracións’, do prestixioso artista danés Peter Kramer

- Anuncio -spot_img

A exposición reúne obras nas que o artista emprega materiais cargados de memoria e significado

A Sala de Exposicións do Palacio Municipal de María Pita acolleu hoxe a apertura da mostra ‘Configuracións’, do prestixioso artista danés Peter Kramer. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou no acto xunto ao comisario da mostra, Manuel Eirín. “O Goberno de Inés Rey efectúa unha clara aposta pola cultura global ao acadar que esta mostra teña cabida na nosa cidade, ofrecendo á cidadanía a arte visual de Kramer”, indicou Castro.

Peter Kramer (Roskilde, Dinamarca, 1959) é un artista visual cunha traxectoria consolidada a nivel internacional, e unha práctica desenvolvida ao longo de máis de tres décadas. A súa obra céntrase na investigación do tempo, da repetición e da relación entre corpo e materia, mediante procesos manuais prolongados e unha marcada atención á factura artesanal. Tras unha etapa de formación e traballo en distintos países de Europa, Asia e Australia, establece a súa residencia en Galicia no ano 2000, mantendo desde entón un vínculo estreito e continuado coa Coruña, territorio que inflúe de maneira decisiva na súa produción artística.

A exposición ‘Configuracións’ reúne un conxunto de obras realizadas entre 2001 e 2025, nas que o artista emprega materiais cargados de memoria e significado, como os nós de algodón, configurando superficies que condensan tempo, proceso e experiencia. Trátase dunha proposta de grande coherencia conceptual e relevancia no ámbito da creación contemporánea.

A celebración desta mostra no Palacio Municipal de Exposicións supón unha contribución destacada á programación cultural da cidade, reforzando o seu papel como espazo de referencia para a difusión da arte contemporánea e poñendo en valor o traballo dun creador internacional estreitamente vencellado á Coruña. A exposición favorece, así mesmo, o acceso da cidadanía a propostas artísticas de calidade, o diálogo entre creación contemporánea e contexto local e a proxección cultural da cidade no ámbito galego e estatal.

Publicacións Relacionadas