O parque de Galeras e a Casa das Máquinas acollen o venres a celebración do Día Internacional do Dereito ao Xogo

Redacción

As concellarías de Centros Socioculturais e Xuventude celebrarán o próximo venres o Día Internacional do Dereito ao Xogo cun amplo programa de actividades que se desenvolverán no parque de Galeras e na Casa das Máquinas. Desde as cinco da tarde, e completamente de balde, haberá inchables, tirolina, xogos tradicionais e de mesa, música e, como novidade, un espazo Arcade con máquinas recreativas clásicas.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe as actividades acompañada de Matilde Pérez, técnica do departamento de Centros Socioculturais, e de Manuel Fernández, técnico do departamento de Xuventude. A tenenta de alcaldesa explicou que con esta iniciativa “reivindicamos que os nenos e nenas deben xogar para entreterse, para aprender, para socializar e para medraren sás e felices; e iso é algo que hai que lembrar fronte ás apretadísimas axendas que teñen desde pequenas con actividades que entendemos que lles serán máis útiles para o seu futuro”. María Rozas salientou tamén que “se o departamento de Xuventude se implica con esta xornada por segundo ano consecutivo é porque cremos que xogar non debe quedar limitado á primeira infancia, porque a imaxinación e a creatividade tampouco teñen idade”.

Actividades para todas as idades

Desde ese convencemento, as actividades preparadas para a celebración do Día Internacional do Dereito ao Xogo abranguen diferentes franxas de idade e desenvolveranse tanto ao aire libre no parque de Galeras como no interior da Casa das Máquinas.

Así, haberá inchables, tirolina, xogos cooperativos e de habilidade e xogos de mesa, da man do Centro Xove da Almáciga. Tamén está previsto un xogo de xeocaching, unha especie de búsqueda do tesouro que o ano pasado se desenvolveu na Alameda e que funcionou moi ben cos nenos e nenas. No interior da Casa das Máquinas haberá un espazo Arcade, con máquinas recreativas clásicas, unha Game Boy xigante, Air Hochey ou xogos de mini fútbol e mini basket. Tamén está prevista unha exhibición de artes urbanas, e unha sesión de música en directo con Xoan Curiel.

Na Casa das Máquinas tamén se lle dará lectura ao manifesto polo dereito ao Xogo, que aparece recollido no artigo 31 da Convención sobre os Dereitos da Infancia das Nacións Unidas, que sinala que “os Estados recoñecen o dereito da infancia ao descanso, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade e a participar libremente na vida cultural e nas artes; e respectarán e promoverán o dereito dos nenos e das nenas a participar plenamente na vida cultural e artística e propiciarán oportunidades apropiadas, en condicións de igualdade, de participar na vida cultural, artística, e recreativa”. Ao respecto, María Rozas reivindicou o compromiso do Concello de Santiago co dereito ao xogo “no traballo que se desenvolve ao longo de todo o ano a través de departamentos como o de Centros Socioculturais que ofrece espazos nos barrios nos que os nenos e nenas crean comunidade a través do xogo”.

Comparte este artigo