HomeA CoruñaA CoruñaO Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos entra na súa fase...

O Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos entra na súa fase de participación cidadá, esencial para definir o futuro da rede municipal

- Anuncio -spot_img

A enquisa de hábitos deportivos e os grupos de discusión permitirán incorporar a visión da veciñanza e do tecido deportivo local ao documento estratéxico que está a elaborar o Concello

O Concello da Coruña continúa avanzando na redacción do Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, un proxecto estratéxico que marcará a folla de ruta para o futuro dos equipamentos deportivos na cidade.

Este documento, concibido cun horizonte de traballo de 12 meses, xa superou diversas fases técnicas previas, como a análise do estado actual das instalacións, a elaboración dun inventario actualizado de equipamentos e a configuración dunha plataforma dixital orientada á participación cidadá.

O proceso atópase agora nun punto determinante, coa posta en marcha da fase de participación cidadá, un elemento central dentro da planificación, xa que permitirá recoller de forma directa as necesidades, prioridades e percepcións da veciñanza sobre o sistema deportivo municipal. Esta implicación activa da cidadanía constitúe unha peza fundamental para o Goberno de Inés Rey, que defende unha planificación baseada no diálogo, a transparencia e a colaboración social.

A primeira acción desta etapa é a realización dunha enquisa sobre hábitos deportivos, elaborada baixo a dirección do profesor David Moscoso, sociólogo de recoñecido prestixio, profesor titular da Universidade de Córdoba e colaborador do Consello Superior de Deportes e do CSIC. A través desta ferramenta, poderase coñecer en detalle a relación da poboación coruñesa coa práctica deportiva, así como as súas valoracións sobre o acceso, uso e calidade das instalacións e servizos dispoñibles.

A enquisa está dispoñible na web https://habitosdeportivos.es/acoruna, e pode cubrirse de forma segura, anónima e en poucos minutos.

A segunda acción da fase participativa será o desenvolvemento de sete grupos de discusión sectoriais (focus groups), previstos para a primeira semana de novembro, nos que participarán representantes de asociacións veciñais, federacións e clubs deportivos, colectivos sociais, entidades vinculadas ao deporte feminino e adaptado, así como un grupo de persoas expertas. Estes encontros permitirán recoller de maneira cualitativa propostas e reflexións que completarán a diagnose técnica cunha visión plural e contextualizada.

Está previsto que, unha vez finalizada a fase de participación cidadá, se elabore un documento preliminar do Plan Director que integrará tanto as análises técnicas realizadas como as achegas recollidas neste proceso. Este borrador será revisado polo Servizo Municipal de Deportes e, tras incorporar as melloras necesarias, dará paso á presentación do documento definitivo, que marcará a folla de ruta para o futuro das instalacións deportivas da cidade.

Este proxecto forma parte do compromiso do Goberno de Inés Rey cun modelo de cidade que aposta pola planificación estratéxica, a mellora continua dos servizos públicos e a implicación activa da cidadanía na definición das políticas deportivas municipais. O Plan Director será unha ferramenta esencial para garantir unha rede de instalacións máis accesible, eficiente e axustada á realidade social da Coruña, contribuíndo a avanzar cara a unha cidade máis saudable, inclusiva e cohesionada.

Publicacións Relacionadas