HomeA CoruñaO plan director dos barrios da Granxa e O Hospital establece as...

O plan director dos barrios da Granxa e O Hospital establece as condicións para o desenvolvemento urbanístico e a mellora ambiental e da mobilidade nun ámbito integrado por 23 rúas

- Anuncio -spot_img

No marco da Estratexia de mellora e xestión do espazo público e da mobilidade no concello de Carballo, no ano 2020 iniciamos a elaboración do plan director dos Baños Vellos co obxectivo de definir as necesidades urbanísticas e de mellora da mobilidade no espazo urbano integrado polas rúas Ourense, Lugo, Pontevedra, Estrela e Baños Vellos. Catro anos despois, a reurbanización de todo ese ámbito era unha realidade.
Coa experiencia adquirida, no mesmo 2024 encargamos o plan director dos barrios da Granxa e O Hospital co obxectivo de ordenar toda a contorna da avenida Ponte da Pedra. En total, 9,8 hectáreas de superficie nas que hai 23 rúas, 1.432 residentes, 773 vivendas e 653 prazas de aparcamento.
O traballo incluíu en primeiro lugar a análise do planeamento, a recollida de datos pormenorizados sobre o estado do espazo público, as actividades que se desenvolven nel, o tráfico, as pautas de mobilidade, a prospección sociodemográfica e económica… Con todos eses datos definíronse as áreas de intervención, recolléronse achegas técnicas, políticas e veciñais e elaborouse o documento definitivo, que quixemos presentar este venres, no marco da Semana Europea da Mobilidade, nun acto público na Biblioteca Rego da Balsa no que participaron o concelleiro de Planificación Urbana e Mobilidade, Juan Seoane, e un dos redactores do documento, David Río.
O ámbito de estudo abrangue as avenidas de Malpica e Ponte da Pedra e as rúas Fábrica, Carré Aldao, Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Labarta Pose, Manuel Murguía, Antón Fraguas, Cuba, Uruguai, Brasil, Bolivia, Colombia, Venezuela, Nicaragua, Arxentina, Ecuador, Costa Rica e México.
Algúns dos problemas detectados na zona son as interferencias modais no acceso ao CEIP Bergantiños, o alto volume de tráfico, a escasa presenza de elementos vexetais e superficies drenantes, a falta de luz natural nas rúas, moitas rúas estreitas, conexións pendentes de desenvolvementos urbanísticos, locais baleiros, parcelas sen pechar ou medianeiras non resoltas. Pero tamén hai fortalezas, como a existencia do propio colexio, a piscina e o pavillón; a existencia de espazos libres, unha importante actividade en planta baixa na zona norte, oferta de estacionamento ampla no conxunto do ámbito ou unha rede viaria pouco tensionada, agás no acceso ao colexio, e ben xerarquizada. Todo iso xera oportunidades de transformación e mellora que son as que se concretan no plan director, artellado en dous eixos de actuación: mobilidade e sistema ambiental.
O plan director estrutura un conxunto de espazos de referencia, como o acceso ao CEIP Bergantiños, onde se fará peonil un treito da rúa Carballo Calero para xerar unha antesala ao centro que sirva para o encontro social e a espera, ou a rúa Eduardo Pondal, onde se sitúa o parque infantil e que tamén gañará espazo para os peóns. O proxecto propón a modificación da praza situada fronte ao parque para convertela nun espazo estancial para maiores e primeira infancia, e tamén ampliar a Praza do Hospital, como xa anticipan as últimas actuacións realizadas nese ámbito.
O equipo redactor da proposta establece dous percorridos peonís prioritarios, e tamén unha xerarquía nas vías da zona para favorecer os tránsitos rodados especialmente na avenida Ponte da Pedra e a rúa Fábrica, así coma en Carré Aldao. As medidas concretas son as seguintes:

  • Converter en peonil o treito de Carballo Calero comprendido entre Eduardo Pondal e Álvaro Cunqueiro, que cambiará de sentido de circulación para crear dous rotores separados con acceso por Ramón Cabanillas desde o oeste e por Carré Alado desde o leste.
  • Establecer sentido único no tramo leste de Carballo Calero, para favorecer a circulación en momentos de máxima afluencia.
  • Creación dun carril de xiro á esquerda na avenida de Malpica cara Carré Aldao para mellorar a seguridade desa manobra.
  • Modificar as incorporacións á avenida Ponte da Pedra para gañar en fluidez en horas punta e limitar os xiros á esquerda para incorporarse desde Álvaro Cunqueiro, dada a existencia dunha rotonda próxima.
  • Ampliación das prazas de estacionamento establecendo o aparcadoiro en batería en Carballo Calero, creando un novo estacionamento de proximidade na traseira do polideportivo con acceso desde Carré Aldao ou incorporando prazas de uso durante un tempo limitado.
  • Na zona sur do ámbito xa se teñen anticipado algunhas das medidas previstas no plan director como a dirección única na rúa Cuba, o principal problema é o elevado tráfico da rúa Brasil e as altas velocidades detectadas nesa vía, polo que se intentará mudar os fluxos de tráfico con medidas como o establecemento de direccións únicas ou a redución da plataforma destinada ao tránsito rodado.
  • Incorporación das bicicletas en calzada para darlles continuidade ás sendas da zona.
    Outra das eivas que pretende solucionar o plan director é a escaseza de espazos verdes nese ámbito. A proposta avoga pola creación dunha infraestrutura verde mediante a permeabilidade de solos, a creación de sombra e a introdución de elementos naturais. Con esa finalidade prevense varias actuacións:
  • No CEIP Bergantiños, a introdución de novas especies de árbores, máis permeabilidade e paxareiras.
  • Creación dunha nova praza na rúa Carballo Calero coa incorporación de polinizadoras e superficies permeables.
  • Reconfiguración da praza Leste de Eduardo Pondal, formando un mini-bosque urbano con solos permeables.
  • Ampliación da Praza do Hospital, aumentando a sección e capacidade de infiltración das bases de arborado.
  • Creación dun eixo verde norte-sur, englobando as actuais zonas verdes e dotacionais xunto coas reservas de desenvolvemento.
  • Xardín de polinizadoras no “tampón urbanístico” da rúa Brasil.
    Na actualidade hai 16 árbores nese ámbito. Coa intervención prevista serán 104, e permitirán crear novas zonas de sombra.
    O desenvolvemento do plan director suporá aumentar a superficie peonil nun 21%, multiplicar por 2,5 os espazos permeables cunha ampliación de 4.300 metros cadrados, a plantación de 88 árbores para que haxa unha por cada 300 metros cadrados e o incremento das prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida nun 40%.
    O plan director establece un desenvolvemento dos barrios do Hospital e A Granxa en catro fases, para desenvolver nun prazo de oito anos, cun orzamento de 3,7 millóns de euros.

Publicacións Relacionadas