O Pleno municipal acordou esta mañá cos votos favorables de BNG, CA e PSdG e a abstención do PP a aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM e do PE-1 que suprime o aproveitamento lucrativo na parcela privada da Finca do Espiño, co obxectivo de preservar a calidade ambiental e paisaxística deste espazo. Os grupos municipais tamén deron luz verde por unanimidade á aprobación provisional da modificación do PXOM encamiñada a recuperar o uso dotacional e protexer as antigas Escolas de Maxisterio.
A aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM e do PE-1 no ámbito da Finca do Espiño permitirá eliminar a edificabilidade e os usos privados nesta parcela previstos no planeamento aprobado en 2004. Así, o planeamento vixente distingue dúas zonas no ámbito suxeito a esta modificación: unha zona cualificada como dotación pública, que inclúe os parques urbanos PU-14.1.b e PU-FE e máis o equipamento SC-FE; e unha zona edificable de titularidade privada, a parcela EM-FE, de 8.012 m2, disposta no perímetro do ámbito, con aproveitamento lucrativo, na que se permite edificar un volume de 10.500 m2 construídos, susceptible de albergar distintos usos de carácter privado: asistencial, sociocultural, sanitario, hoteleiro e residencial comunitario.
Con esta modificación lógrase o obxectivo de preservar a calidade ambiental e paisaxística deste espazo a través da supresión do aproveitamento lucrativo deste ámbito, xa que segundo destacou en numerosas ocasións o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, a Finca do Espiño “é un miradoiro excelente sobre a fachada oeste da cidade histórica, que constitúe o perfil máis característico e recoñecible de Compostela” que ademais conta cunha “contorna ambiental de gran valor, atravesada polo río Sarela e enmarcada polo monte Pedroso” e “perfectamente visible” desde a Alameda, polo que esta actuación se fai sobre este ámbito “co obxectivo de preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos”.
Na nova ordenación proposta, ao solo cualificado como PU-FE aplicaráselle a ordenanza do sistema de parques, xardíns urbanos e espazos libres do PXOM (artigo 137), e ao solo cualificado como SC-FE, que inclúe o palacete e os xardíns vinculados a el, cuxo uso previsto é sociocultural compatible con calquera outro dotacional público que o Concello considere de interese, aplicaráselle a ordenanza de equipamentos públicos do PXOM (artigo 136). Establécense ademais condicións específicas de integración ambiental do conxunto, incluído o mantemento do arborado de interese e, na medida do posible, das trazas dos muros e bancais que definen o relevo do lugar.
Ao respecto da adquisición por parte do Concello dos terreos que considere convenientes, esta poderá facerse a través de calquera dos mecanismos previstos na Lei do Solo, é dicir, a través de convenio coa propiedade, permuta forzosa ou expropiación de terreos.
Antigas Escolas de Maxisterio de Xoán XXIII
O Pleno municipal tamén aprobou esta mañá por unanimidade e de maneira provisional a modificación do PXOM no ámbito da OE-6 en Xoán XXIII, co obxectivo de preservar o uso dotacional edificio das antigas escolas de Maxisterio, que na actualidade acolle o centro de educación infantil e primaria López Ferreiro e as facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación da USC, na avenida de Xoán XXIII.
Na súa intervención, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, recordou que o pasado 24 de xuño xa fora aprobada inicialmente esta modificación “cun dobre obxectivo: en primeiro lugar, protexer, a través da súa incorporación ao Catálogo de bens culturais do PXOM, un edificio representativo da arquitectura docente do Movemento Moderno proxectado en 1967 por Fernando Moreno Barberá. En segundo lugar, manter o uso dotacional do edificio eliminando o uso hoteleiro previsto dende 2002, é dicir, preservar o seu uso público evitando que se transforme noutro hotel”.
A ordenanza especial vixente delimita dúas parcelas: unha cualificada como sistema local de equipamento docente, ocupada polo colexio López Ferreiro, e outra de uso hoteleiro que hoxe ocupan as facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación. A recualificación desta última para uso hoteleiro en 2002 foi resultado dun protocolo asinado no ano 1999 entre o Concello, a Xunta de Galicia e a USC para a creación do novo Campus de Ciencias da Saúde, unha ordenanza que “despois de 20 anos non se materializou”, polo que, segundo explicou Iago Lestegás, desde o Goberno municipal “consideramos oportuno adaptala ás novas necesidades de interese público” a través desta modificación no planeamento urbanístico. “Hoxe, aquí e agora si podemos decidir se queremos que este edificio se substitúa no futuro por un hotel, como prevé o planeamento aprobado hai máis de 20 anos, ou se queremos que manteña o uso dotacional para o que foi creado”, destacou o edil.
O edificio que hoxe alberga o colexio López Ferreiro e as Facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación, ocupa unha parcela de forma aproximadamente triangular situada na esquina entre a Avenida de Xoán XXIII e a rúa dos Xasmíns, cunha superficie aproximada da parcela de 8.798 m². O conxunto foi proxectado en 1967 por Fernando Moreno Barberá e constitúe un exemplo relevante da arquitectura docente do Movemento Moderno.
Alumeado público
O Pleno municipal tamén aprobou por unanimidade a proposición presentada polo grupo municipal popular para mellorar o alumeado público da cidade e acabar coas zonas pouco iluminadas e que dan sensación de inseguridade, cuxo texto final incluíu unha emenda presentada polo BNG. A este respecto, a concelleiro de Sevizos Básicos Comunitarios, Xesús Domínguez, recordou que “o Concello renovou máis de 23.000 luminarias públicas e máis de 500 centros de mando para o seu control que agora contan con tecnoloxía LED”, un proxecto cuxa execución “rematou no pasado outubro” pero “aínda está en fase de verificación e axuste, que axudan a identificar as eventuais deficiencias e posibilidades de mellora” a través das queixas e suxestións recibidas da cidadanía.