Inés Rey: “ASPESOR foi a orixe da Federación de Asociacións de Xordos de Galicia que se converteu nun referente dentro e fóra de Galicia e tamén do movemento asociativo das persoas xordas”
O Pleno aprobou esta mañá por unanimidade concederlle a Medalla ao Mérito da cidade na súa categoría de Ouro á Asociación de Personas Sordas de A Coruña (ASPESOR). A alcaldesa, Inés Rey, agradeceulles a Susana Castelo, Manuel Andrade, e Iker Sertucha, persoas representantes da entidade, a súa presenza no salón de pleno e destacou o labor desenvolto por ASPESOR na cidade nos últimos 50 anos. “ASPESOR foi a orixe da Federación de Asociacións de Xordos de Galicia que se converteu nun referente dentro e fóra de Galicia e tamén do movemento asociativo das persoas xordas”, sinalou Rey. Para Rey, ASPESOR é unha entidade indispensable para garantir os dereitos das persoas xordas. “O labor social que desenvolve a entidade en que destaca a promoción da lingua de signos faina acredora deste recoñecemento”, explicou Rey, quen lembrou que cando naceu a asociación, “a lingua de signos era coñecida como linguaxe mímica é 50 anos máis tarde Nota de Prensa é unha lingua declarada oficial grazas á promoción que a asociación fixo dela”. Tamén destacou o labor social da asociación, que soubo aglutinar a todas as persoas xordas de Galicia e as súas familias. Subliñou que esta distinción é o recoñecemento a un labor que fixo posible que se visualizase o colectivo de persoas xordas, a súa contribución ao derribo de barreiras que dificultan a integración deste colectivo, así como o seu liderado no conxunto de Galicia no desempeño desta función. E, como non, contribuíu á sensibilización de toda a cidadanía cara ás persoas xordas poñendo en marcha iniciativas pioneiras que foron logo adoptadas noutros concellos e institucións galegas. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, cualificou esta distinción como “o broche á celebración dos 50 anos da súa actividade, das súas vodas de prata, a unha asociación que constitúe unha peza clave do tecido asociativo non só da cidade, senón de Galicia”. Neira anunciou que o Goberno local ten previsto firmar ao longo deste ano un convenio para que o Concello poida contar cunha persoa intérprete de lingua de signos, xa que segundo destacou aínda quedan reivindicacións pendentes, como a presenza destas persoas profesionais nos centros hospitalarios e na Administración ou a posibilidade de impartir clases de lingua de signos nos colexios como materia. Grazas ao seu labor, explicou a concelleira, Galicia contou coas primeiras e os primeiros intérpretes de linguaxe de signos, unha tarefa que non estaba profesionalizada e que asumían as e os familiares das persoas xordas. Neste sentido, Neira expresou o seu orgullo de que A Coruña, en 2001, for dos primeiros concellos en asinar un convenio con ASPESOR para contratar unha destas persoas intérpretes.