O contrato da auga sairá a licitación en xaneiro e o do novo alumeado deberá estar formalizado antes do 18 de xuño de 2025
A unanimidade caracterizou a derradeira sesión plenaria ordinaria do Concello de Brión, na que se aprobaron dúas propostas da Alcaldía que suporán un investimento de 16,5 millóns de euros no municipio sen ningún tipo de debate. O alcalde, Pablo Lago, agradeceu o apoio dos tres grupos municipais á súa proposta, “que supón a culminación de moitos meses de traballo pero que permitirán mellorar dous dos servizos máis importantes que se prestan á veciñanza, como son o abastecemento de auga potable e o alumeado municipal”.
Así, o pleno aprobou o proxecto de execución da mellora da eficiencia enerxética do alumeado público exterior do Concello de Brión mediante tecnoloxía LED. Un investimento de 2.770.900 euros que permitirá substituír o 90% do alumeado público municipal grazas a esta achega do Instituto para a Diversificación da Enerxía IDAE.
Aforro enerxético
O secretario municipal foi o encargado de detallar os números deste proxecto, que deberá estar adxudicado antes do 18 de xuño de 2025 para despois formalizar o contrato de financiación co IDAE. Un proxecto que inclúe a renovación de 118 centros de mando, coa instalación de reloxos astronómicos, reloxos mecánicos e fotocélulas para facilitar a redución do consumo enerxético. A maiores, substituirase un total de 3.190 farolas de vapor de sodio ou mercurio por outras tantas luminarias LED de alta eficiencia enerxética. Os novos sistemas de telexestión instalados nos cadros de mando, unidos ás novas luminarias LED con certificación enerxética A, permitirán un aforro enerxético próximo ao 65%.
Ademais, os equipos de telexestión nos cadros eléctricos facilitarán tamén un maior control sobre o horario de acendido e apagado dos puntos de luz e farán máis sinxelo localizar e solventar futuras avarías, contribuíndo así a mellorar a eficiencia e a calidade do servizo a veciñanza.
Na actualidade, Brión conta cunha potencia instalada de 348.229,5 vatios, cun consumo de enerxía de 1.462.563,9 kW/h e un custe de 212.364,28 euros anuais. Unha vez executado este proxecto, a potencia instalada reducirase a 175.087,5 vatios, o consumo de enerxía baixará a 551.525,63 kW/h e o custe da factura eléctrica para o Concello descenderá ata os 80.081,52 euros, é dicir, un aforro de máis de 132.000 euros ao ano.
Este aforro xurde tanto pola redución da potencia das lámpadas LED fronte ás actuais de descarga, como por unha mellor xestión do fluxo lumínico: tanto pola súa redución durante a noite como pola correcta utilización das ópticas, que dirixen a luz aló onde é precisa e evitan a contaminación lumínica. Así, os equipos actuais emiten un 15% do fluxo total ao hemisferio superior, mentres que coa nova tecnoloxía este valor será inferior ao 5%. Por todo isto, a certificación enerxética de todo o alumeado público brionés pasará a ser A.
Servizo de abastecemento de auga
O Pleno tamén aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía sobre o expediente de contratación de concesión do servizo de abastecemento de auga potable en Brión polos próximos 25 anos. O pleno aprobou iniciar o procedemento de licitación, por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, que posiblemente será publicado a principios de xaneiro de 2025, por un importe de 13.414.698,90 euros sen IVE (14.756.168,79 euros IVE incluído).
Un contrato que obrigará á empresa adxudicataria a acometer obras de mellora do servizo de abastecemento municipal de augas por importe mínimo de 1.745.745,13 euros. Aprobado novamente sen debate entre os grupos municipais, o secretario aproveitou para detallar os criterios de adxudicación: 60 puntos ponderables e 40 de xuízos de valor.
Entre os xuízos de valor puntuarase con ata 15 puntos os medios materiais e humanos ofrecidos para a prestación do servizo, así como outros 9 puntos pola instalación de sistemas de control da calidade do servizo, 4 segundo o modelo dos novos contadores que se instale…). No caso dos criterios ponderables inclúen cuestións como o canon inicial, a tarifa polo contador, o canon final, a porcentaxe de facturación que comprometen a actuacións de mellora ou aspectos sociais, como bonificacións a persoas vulnerables de acordo cos informes dos Servizos Sociais municipais de Brión.