Trátase dun viario de case 2 quilómetros de lonxitude que comunica ambos municipios
O Pleno de Frades aprobou por unanimidade a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Oroso para a mellora da estrada que une as localidades de Fontelo, na parroquia de Aiazo (Frades), e A Igrexa, na parroquia de San Román de Pasarelos (Oroso). Unha inversión de algo máis de 95.000 euros que ambos concellos pretenden acometer a través dunha axuda conxunta ao abeiro da orde de Infraestruturas de uso público da Xunta de Galicia.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que “a axuda aínda non está concedida pero dende a Xunta xa nos solicitaron máis documentación”. Así mesmo, puxo en valor este tipo de actuacións conxuntas “como a que fixemos o ano pasado en Castiñeiro Redondo, porque non ten sentido arranxar unha pista ata a metade do traxecto e que a outra metade estea sen arranxar. Esta estrada entre Aiazo e Pasarelos é coñecida pero non é tan usada pola veciñanza porque non está nas mellores condicións”.
Un punto no que incidiu o concelleiro de Obras, Manuel Ferreiro, quen destacou que esta actuación “suporía un investimento de 95.600 euros, dos que o Concello de Frades tería que achegar case 30.000 euros, por 15.000 euros do Concello de Oroso. Isto é así porque a pista ten unha lonxitude de preto de 2 quilómetros pero é máis ancha na parte que lle corresponde a Frades, que é de 985×5 metros, mentres que no tramo de Oroso é de 810×4,5 metros”.
O Pleno Municipal tamén acordou por unanimidade unha modificación de crédito de 19.000 euros para habilitar unha partida orzamentaria para acometer esta actuación se finalmente se consegue a subvención.
Castiñeiro Redondo
En 2025, Frades e Oroso procederon ao arranxo conxunto en aglomerado dunha estrada de 1.350 metros que atravesa a localidade de Castiñeiro Redondo, que comparten Frades e Oroso (pois 915 metros pertencen á parroquia fradense de Moar e os 435 restantes á parroquia orosá de Calvente). Unha estrada cun firme bastante desgastado debido ao abundante tráfico que soporte a diario, tanto rodado como peonil.
Unhas obras licitadas en 54.626 euros e financiadas grazas a un convenio de colaboración asinado entre os Concellos de Frades e Oroso coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, que achegou máis de 47.000 euros.

