O Concello de Laxe celebrou onte, 28 de novembro unha sesión de pleno ordinario na que se resolveron as reclamacións presentadas á modificación das Ordenanzas fiscais reguladoras das taxas pola prestación da pista municipal de pádel e pola ocupación de terreos de uso público con mesas e sillas con finalidade lucrativa.
Tamén se aprobou por unaniminade destinar a antiga escola unitaria de Traba a Centro de interpretación da xeoloxía dos Penedos de Pasarela e Traba e a posta en valor do legado de Isidro Parga Pondal, cuxo proxecto foi entregado pola alcaldía deste Concello ao Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na recente visita aos Penedos de Pasarela e Traba para a súa avaliación.
Outro dos puntos tratados foi a aprobación da moción presentada polo Partido Popular contra o desmantelamento da seguridade preservada pola Garda Civil na provincia da Coruña.
Nesta sesión o alcalde, en nome do equipo de goberno, informou á Corporación municipal da intención da Demarcación de Costas do Estado sobre as actuacións a levar a cabo nas praias de Traba e Soesto,.nas que, entroutras cuestións, se pretende a eliminación do merendeiro na Braña de Soesto, medida que conta co rexeitamento total do equipo de goberno.