Home A Coruña O pleno de San Sadurniño aproba a integración do Concello na plataforma...

O pleno de San Sadurniño aproba a integración do Concello na plataforma de contratación da FEMP e no plan provincial para previr a fraude na aplicación dos fondos Next Generation

- Anuncio -

O Concello de San Sadurniño celebrou no serán de onte xoves, 24 de novembro, o último pleno do ano de carácter ordinario, que seguramente veña seguido antes do remate de 2022 dunha ou máis sesións extraordinarias para aprobar cuestións cuxo prazo así o requira, como puideran ser os investimentos do POS. O de onte foi un pleno máis longo do habitual -1 hora e 20 minutos, aproximadamente- e tamén máis intenso, por non dicir bronco, do que adoita ser. Os puntos para deliberación e acordo eran cuestións de trámite ou consensuadas previamente que se resolveron sen demasiado debate e por acordo unánime da corporación. Neste sentido déuselle o visto e prace á delegación na Deputación da Coruña da xestión dos mecanismos de prevención da fraude na aplicación das axudas financiadas con fondos Next Generation, tamén se aprobou a integración do Concello na central de contratación da FEMP e, como último asunto en que houbo coincidencia total de pareceres (por primeira vez en anos), ratificouse a declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da erradicación das violencias contra a muller.

A partir deste último asunto, pasados 17 minutos desde o comezo, o pleno entrou nos momentos de maior contraste dialéctico empezando polo debate dunha moción presentada polo BNG en demanda de melloras no transporte de persoas viaxeiras por estrada, nomeadamente o reforzo de itinerarios, horarios e paradas, tarifas planas para persoas usuarias recorrentes -ademais de bonificacións aplicadas con criterios sociais- e a gratuidade do servizo para estudantes.

Durante a súa intervención o PP recoñeceu que a reconfiguración do plan de transporte metropolitano non está funcionando como debería e criticou que “moitos concellos galegos” non presentasen alegacións cando o plan estivo en exposición pública. Un argumento que o BNG interpretou como unha tentativa por parte do Partido Popular de descargar a culpa das deficiencias do servizo sobre os municipios e as persoas usuarias, mentres que, segundo o grupo nacionalista, o problema de fondo -alén do deseño do propio plan- é que a Xunta estaría “facendo a vista gorda” cos incumprimentos da empresa concesionaria do transporte.

O PP abstívose na votación da moción, que saiu adiante cos votos favorables do Grupo de goberno e do representante do PSOE, quen cualificou a situación do transporte, sobre todo nas zonas rurais, como “patética”.

Preguntas/rogos
No tramo final da sesión, dedicado aos rogos e preguntas, o PP expuxo varias cuestións cargadas de críticas directas e indirectas á xestión do goberno municipal. Así, José Luis Hermida preguntou por como se ían decidir os investimentos resultantes do proceso do orzamento participativo, incidindo en que as propostas formuladas por el mesmo para o orzamento 2020 -entre elas unha piscina climatizada- aínda non se executaran. O edil responsable da área de Participación, Manolo Varela, sinalou que as propostas se debaterán coa veciñanza este venres e que no orzamento de 2023 se incluirán aquelas que sexan asumibles polo Concello, mentres que as restantes, sempre e cando sexan realistas, pasarán formar parte dunha bolsa de ideas para levalas a cabo no futuro, xa sexa con financiación integramente municipal ou con axuda doutras administracións.

Hermida tamén inquiriu de novo ao alcalde sobre os pagamentos efectuados até o momento á cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño en compensación polos terreos cedidos ao Concello. O concelleiro do Partido Popular -que ten intereses na cooperativa como liquidador- preguntou se “era verdade” que o importe satisfeito polo consistorio, incluídos gastos xurídicos, ascende “a 381.582,10 euros”. Secundino García respostou asegurando non ter “as cifras todas na cabeza” e comprometéndose a respostar por escrito á cuestión.

O rexedor tamén lle volveu a pelota ao edil popular interesándose por se a pregunta a estaba formulando “como concelleiro ou como parte interesada dos que cobran. Eu dígoo porque é difícil ser concelleiro preguntando unha cousa e ser a persoa que cobra tamén preguntando a mesma cousa”, ironizou Secundino García ao tempo que deixou caer, neste sentido, que el como alcalde e o resto de membros da corporación están suxeitos ao réxime de compatibilidades “e ti tamén deberías”, espetoulle a Hermida Prieto.

Tralo momento de maior tirapuxa entre o alcalde a a oposición, o pleno baixou de intensidade nas seguintes preguntas, relativas á limpeza dunha leira nos Currás, sobre os criterios de acceso á formación impartida no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla -compartido por Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño- e polos motivos da ausencia das tres bandeiras oficiais na fachada do Concello e no salón de plenos, ademais da falta da fotografía do rei. “Non sei se foi ver o pai”, bromeou María Belén Trigo antes de poñerse seria para criticar o que ela considera “un incumprimento da normativa sobre bandeiras” e acusar ao alcalde de “faltar á verdade” coas xustificacións expresadas no pleno “que xa nos deu hai dous anos”. Secundino García dixo que un dos mástiles das bandeiras do interior estaba sendo reparado e que as enseñas do exterior se atopaban en mal estado e que houbera que “mercar unhas novas”, que se colocarían tan pronto como se arriase a bandeira feminista izada con motivo do 25N.

Mocións e preguntas presentadas por un particular
Antes de rematar a sesión, o alcalde deu lectura a varias peticións e preguntas rexistradas por un particular, non sen antes explicar o procedemento de admisión de mocións e propostas para o seu debate plenario recollidos tanto no Regulamento de Participación municipal como na normativa de funcionamento das entidades locais.

Malia non darse os requisitos formais para seren admitidas, Secundino García leu igualmente o contido das mocións que, en primeiro lugar, demandaban renderlle tributo ao desaparecido Ramón Díaz Raña (antigo párroco de San Sadurniño) organizando un acto con esa finalidade e dedicándolle unha rúa xunto cunha placa na súa memoria. O alcalde explicou que o Concello xa estaba promovendo a organización desa homenaxe “desde o momento en que se coñeceu o seu falecemento”, contactando para iso con persoas do entorno próximo ao activista político e cultural, falecido o pasado mes de xuño en Cáceres, de cara a facerlle un recoñecemento “participado e de consenso” do cal “se informará no seu momento” .

Noutra orde de cousas o escrito rexistrado tamén pedía dotar de iluminación os pasos peonís do territorio, modificar o existente á saída do centro de ensino e incrementar o número de pasos, sobre todo nas inmediacións de locais hostaleiros (boa parte deles en vías provinciais ou autonómicas). O texto instaba, ademais, a promover a construción de vivenda pública en terreos municipais e por medio da rehabilitación de antigas escolas.

No documento rexistrado “por un veciño” suxeríase actuar en representación do colectivo San Sadurniño Vivo-Interior Galego Vivo, que non figura no rexistro municipal de asociacións e do que se descoñece se se trata dunha dunha persoa xurídica con entidade propia ou legalmente constituída.

Ademais, a persoa que presentou o escrito tampouco acreditou ser a súa representante legal e, para sementar aínda máis incertidume sobre o procedemento de admisión das peticións en cuestión, quen asinou a solicitude foi unha persoa física distinta da que subscribía a relación de asuntos propostos para o seu debate no pleno como mocións. Tampouco nese caso se acreditaba a representatividade necesaria para actuar en nome dun colectivo, tal e como esixe a normativa de relación coas Administracións Públicas, e razón pola que a solicitude se tramitou como presentada por un particular a título persoal, a pesar da insistencia deste segundo solicitante -presente na sala- de ser “representante dunha entidade”.

O veciño reafirmouse como membro de San Sadurniño Vivo e, deseguido, tamén preguntou se o Concello tiña previsto baixar o imposto de vehículos de tracción mecánica, comentando que nas Somozas se aprobara recentemente unha rebaixa. O alcalde respostoulle que non había ningunha previsión nese sentido. Malia que no pleno non se mencionou, cómpre ter en conta que segundo as ordenanzas en vigor en ambos municipios, a “rodaxe” en San Sadurniño é neste momento máis barata que no concello veciño en todos os tramos. Por exemplo, comparando a redacción vixente, atopamos que un vehículo de 8 a 11,99 cabalos fiscais ten de cota nas Somozas 54,53€ mentres que en San Sadurniño son 42,60€, ou que un camión de ata 2.999 quilos de carga útil pagaría nese concello case 30 euros máis ao ano que en San Sadurniño. O veciño preguntou, por último se houbera algunha resposta ás alegacións presentadas polo trazado da VAC. Secundino García contestou que o Concello non recibira ningunha comunicación ao respecto e que cría que a veciñanza tampouco.

Todos os matices deste e doutros momentos poden volver verse na gravación íntegra da sesión, dispoñible no listado de vídeos do Facebook municipal e como audio na plataforma iVoox.

Relacionadas

O servizo de axuda no fogar atendeu o ano pasado a 395 veciños e...

0
Entre dependencia e libre concorrencia prestáronse 74.566,59 horas de SAF, que tiveron un custe total de 1,6 millóns de eurosO servizo municipal de axuda...

O Concello da Pobra colabora no proxecto ESCLIMATIC que mide o impacto do cambio...

0
A cooperativa Dálle que Dálle atópase inmersa nun proxecto co obxectivo de crear unha ferramenta interactiva e intuitiva para o autodiagnóstico e a planificación...

Comeza a repoboación da Carballeira de Santa Minia coa plantación de oito novos exemplares

0
Procedentes dun viveiro de Abadín, as novas árbores teñen uns tres metros de altura e están perfectamente equilibrados entre copa e raíz, para facilitar...

O percebe de Aguiño celebra unha nova edición coincidindo co 100 aniversario da Cofradía

0
Os edís Vicente Mariño, Fernando Abraldes, Francisco Suárez-Puerta e Antía Alberte presentaron hoxe a Festa do Percebe de Aguiño xunto a Manuel Ángel Reiriz,...

O Concello de Boqueixón abre o prazo para solicitar as axudas de 400 euros...

0
As familias das crianzas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 1 de xaneiro e o 26 de marzo teñen ata o 10 de abril...

O pleno votará a aprobación definitiva do Plan Parcial AR-S1 que pretende a creación...

0
A promotora tamén solicitou o cambio de sistema de actuación de compensación a concerto. Dous dos asuntos que serán elevados á sesión ordinaria do Pleno...

Publicacións Relacionadas