HomeA CoruñaO Pleno Extraordinario de Ambar en Boiro defende a Vida Independente, o...

O Pleno Extraordinario de Ambar en Boiro defende a Vida Independente, o Ocio Inclusivo e a Accesibilidade Universal como alicerces dos Dereitos Humanos

- Anuncio -spot_img

Membros e persoas usuarias da Asociación Ambar para as Persoas con Diversidade Funcional protagonizaron hoxe no Salón de Plenos do Concello de Boiro unha intensa e construtiva simulación de Pleno Extraordinario.

A sesión, celebrada en primeira e única convocatoria coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, centrouse en abordar e debater temas cruciais para a plena inclusión das persoas con diversidade funcional na comunidade.

Baixo a presidencia da alcaldesa Berta Torrado Pose, as persoas participantes – Gonzalo Ordoñez Diz, Araceli Pouso Sanlés, Jesús Dieste Caamaño, David González Silva, Javier García del Río, Francisco Romero Brión, Manuel Vilas Romero, Salustiano Manuel Piñeiro González e María Elena Oujo – asumiron o rol de concelleiros e concelleiras, representando a tres partidos: Movemento Inclusivo Ambar, Forza Diversa Municipal e Alianza pola Participación Inclusiva. Como interventora deste pleno actuou Milagros Rey, presidenta de Ambar e como secretario Raúl Treus, concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Boiro.
Debates Centrais: Autonomía e Inclusión
Os debates xiraron arredor de tres eixes temáticos fundamentais, nos que se subliñou a necesidade de implementar políticas públicas que garantan a igualdade de oportunidades e a participación plena:

  1. Dereito á Vida Independente
    O partido Movemento Inclusivo Ambar, liderado por Gonzalo Ordoñez Diz, presentou a súa proposta sobre o Dereito á Vida Independente. Araceli Pouso Sanlés e Gonzalo Ordoñez Diz destacaron que este é un dereito fundamental que permite ás persoas con diversidade “tomar o control das súas propias vidas e decidir sobre o seu proxecto vital”. O debate fixo fincapé na liberdade de elixir onde e con quen vivir, como xestionar o tempo e o diñeiro, e na importancia de contar con recursos de apoio necesarios, como a asistencia persoal. Jesús Dieste Caamaño engadiu a relevancia do dereito a unha vida social e a participar plenamente na vida comunitaria.
  2. Ocio Inclusivo: Derrubar todas as Barreiras
    Pola súa banda, o partido Forza Diversa Municipal, ca intervención de Manuel Vilas Romero, puxo o foco no Ocio Inclusivo. Definírono como “todas aquelas actividades de tempo libre deseñadas para que todas as persoas poidan participar e desfrutar por igual, independentemente das súas capacidades”. Salustiano Manuel Piñeiro González fixo unha chamada á reflexión, lembrando que “moitas veces só nos fixamos nas barreiras físicas, pero non son as únicas barreiras que existen”, sinalando tamén as barreiras cognitivas e sensoriais que deben ser eliminadas para garantir a accesibilidade universal.
  3. Accesibilidade na Comunidade: Un Dereito Fundamental
    O grupo Alianza pola Participación Inclusiva, cas achegas de David González Silva, Francisco Romero Brión e Javier García del Río, defendeu a importancia da Accesibilidade na Comunidade.
    Afirmaron que a accesibilidade universal “é un dereito fundamental e esencial para garantir que todas as persoas poidan participar plenamente na vida comunitaria”. Francisco Romero Brión subliñou que as comunidades accesibles son “máis xustas, cohesionadas e atractivas para vivir e traballar”, beneficiando a toda a cidadanía (persoas maiores, familias con carriños, etc.). Entre os exemplos de servizos esenciais que deben garantir a accesibilidade real mencionáronse caixeiros automáticos, transporte público, contedores de lixo e xestións administrativas.
    Declaración Institucional e Acordos
    A sesión concluíu ca Declaración Institucional do Concello de Boiro polo Día Internacional dos Dereitos Humanos, lida pola alcaldesa Berta Torrado Pose. O Pleno reafirmou o seu compromiso ca defensa dos dereitos humanos, a dignidade, a igualdade e a xustiza, destacando a protección das persoas con discapacidade segundo a Convención da ONU.
    O Pleno acordou por unanimidade cinco puntos clave:
  4. Defender activamente os dereitos humanos como base da convivencia democrática.
  5. Eliminar toda discriminación, retirando barreiras físicas, comunicativas, sociais e culturais.
  6. Reforzar as políticas de accesibilidade universal en espazos, servizos e comunicacións municipais.
  7. Colaborar con asociacións, entidades e familias, promovendo accións de sensibilización e formación.
  8. Manter o diálogo e mellorar as políticas públicas, avaliando periodicamente os avances en inclusión.
    A Asociación Ambar e o Concello de Boiro manifestaron con este acto a súa vontade conxunta de seguir construíndo un municipio máis inclusivo, igualitario e respectuoso cos dereitos de todas as persoas.

Publicacións Relacionadas