O PP acusa a BNG e PSOE de subir o IBI a pequenos propietarios para tapar o seu fracaso en vivenda

Redacción
Lectura mínima de 3

• Denuncia que o verdadeiro problema de Culleredo é a falta de chan, de planificación e dunha política municipal real de vivenda

• Izaskun García: “Culleredo non necesita máis impostos nin ocorrencias. Necesita chan, vivenda pública e un goberno que xestione”

O PP de Culleredo cargou contra BNG e PSOE tras sacar adiante no pleno de onte a modificación da ordenanza fiscal para aplicar unha subida do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) a propietarios con vivendas baleiras. Os populares, que votaron en contra da moción presentada polos nacionalistas, consideran que se trata dunha medida “ideolóxica, inxusta e completamente inútil” que non resolve o problema real da vivenda no concello.
“A recarga do IBI non crea nin unha soa vivenda, non baixa os prezos e non axuda aos mozos para emanciparse”, afirma a portavoz popular, Izaskun García. “O único que fai é castigar á xente normal. Aquí non hai fondos voitre nin grandes posuidores. Aquí o que hai é pequenos propietarios que traballaron toda a súa vida, que herdaron unha vivenda ou que intentan rehabilitala”, engade.

O PP reprocha ao BNG que sinale aos veciños de Culleredo en lugar de poñer o foco na verdadeira raíz do problema: o fracaso absoluto da xestión do goberno local en materia de urbanismo e vivenda. Nese sentido, García responsabiliza directamente ao goberno de José Ramón Rioboo, apoiado polo BNG, de levar anos anos co PXOM bloqueado, sen desenvolvemento de chan e sen unha soa promoción pública impulsada desde o Concello. Por iso, lamenta que o BNG opte por “crear un problema artificial” no canto de esixir ao alcalde que faga o seu traballo. “Culleredo non necesita máis impostos nin ocorrencias. Necesita chan, vivenda pública e un goberno que xestione”, asegura.

Fronte a esta inacción, os populares defenden que a solución pasa por aprobar o plan xeral, poñer chan á disposición, aproveitar as axudas autonómicas e impulsar a vivenda pública alcanzable, como ocorre coa Xunta, que construirá 17 vivendas de protección pública en Vilaboa, nunha parcela autonómica, cun investimento previsto de máis de 3,2 millóns de euros: “O problema aquí non é a vivenda baleira. Culleredo é, de feito, o concello que menos vivenda baleira ten de toda a comarca coruñesa. O problema é que non hai vivenda e a que hai ten prezos desorbitados. E non a hai porque non se xestionou. Os veciños non teñen por que pagar pola incapacidade do goberno local”.

Comparte este artigo