O Bloque Nacionalista Galego lamenta o veto total do Partido Popular a todas as emendas presentadas polos grupos da oposición aos Orzamentos da Xunta para o ano 2026, unhas contas que ignoran as necesidades da veciñanza.
O voceiro municipal do BNG, Luís Pérez Barral, cualificou a actitude do PP como “un exercicio de soberbia e reflicte a actitude dun goberno estancado que non pensa nas necesidades da xente”.
“O PP confunde a maioría absoluta co absolutismo ao votar non a todo, mesmo a propostas asumibles que buscaban mellorar a sanidade, a educación, a vivenda ou o desenvolvemento económico de Ribeira”, sinalou Pérez Barral.
Entre as emendas rexeitadas atópanse actuacións fundamentais como a dotación de persoal sanitario suficiente nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño que garantan a calidade asistencial e resolvan a saturación e as demoras de semanas que sofre a atención primaria no municipio.
Tamén foi vetada a proposta de financiar o novo polígono industrial de Ribeira, cun investimento de alomenos 3 millóns de euros, clave para atraer actividade económica, crear emprego e ofrecer solo industrial ás empresas.
No ámbito social, o PP negouse a apoiar a construción de vivenda protexida, así como a construción dunha escola infantil pública, medidas imprescindibles para facilitar a conciliación e garantir o dereito á vivenda, especialmente para a xente nova.
A Xunta tamén rexeitou os investimentos en materia educativa necesarios para reformas integrais nos colexios do Grupo, Olveira e no IES Nº1, centros que precisan actuacións urxentes para garantir unhas condicións dignas para alumnado e profesorado.
Outra das propostas feitas polo BNG é a consignación orzamentaria necesaria para que se comece a construír a residencia pública das Saíñas, unha infraestrutura que permitirá atender ás persoas maiores. Dende aquí deixamos claro que imos seguir traballando para que Ribeira conte con esa residencia pública.
Tamén vetaron outras propostas presentadas polo BNG como a mellora do mantemento dos portos de Ribeira, cunha partida de 150.000 euros, esencial para a seguridade e a actividade marítima e outra dirixida a conservación, educación ambiental e compra de parcelas no Parque Natural de Corrubedo, cun investimento previsto de 150.000 euros.
Silencio do goberno local ante a discriminación da Xunta
Desde o BNG tamén se critica duramente o silencio cómplice do goberno municipal de Ribeira, gobernado polo PP, que non foi quen de esixir á Xunta un trato xusto para o municipio.
“Resulta indignante que o goberno ribeirense cale ante esta discriminación. A señora Sampedro demostra, unha vez máis, que ante un trato claramente inxusto do PP cara a Ribeira opta polo silencio e pola submisión, actuando como defensora dos intereses do Partido Popular en lugar de defender os da veciñanza”, concluíu o voceiro nacionalista.
Dende o BNG salientan que van continuar defendendo propostas útiles, realistas e necesarias para mellorar a calidade de vida das persoas, fronte a un PP que, unha vez máis, demostra que Ribeira non está entre as súas prioridades.



