HomeA CoruñaO PP de Arzúa denuncia a deriva ideolóxica do tripartito local e...

O PP de Arzúa denuncia a deriva ideolóxica do tripartito local e rexeita a instalación dun monolito a Moncho Reboiras

- Anuncio -spot_img

O Partido Popular de Arzúa manifesta o seu absoluto rexeitamento ao anuncio realizado polo Concello de Arzúa sobre a instalación dun monolito en homenaxe a Moncho Reboiras, figura vinculada á UPG e ao marxismo revolucionario, sen relación algunha coa historia nin coa veciñanza de Arzúa.

Esta decisión, anunciada polo goberno local, un tripartito formado por BNG, Alternativa por Arzúa e PSOE, representa unha nova mostra da deriva ideolóxica dun goberno que se afasta das necesidades reais da vila e das parroquias. Mentres Arzúa carece dun novo polígono industrial, mentres non se loita por atraer poboación nin empresas, mentres se desatenden os servizos básicos, o Concello dedica tempo e recursos a politizar espazos públicos e a promover homenaxes que nada teñen que ver coa identidade local.

Rafael Rivadulla, voceiro municipal do Partido Popular, declarou:

“É intolerable que se utilicen os cartos dos veciños para levantar un monolito a unha figura radical, sen vínculo con Arzúa, mentres se ignoran as verdadeiras prioridades do municipio. Esta non é unha decisión democrática, non busca a convivencia nin a liberdade de opinión. É unha imposición ideolóxica que politiza o espazo público e divide á veciñanza.”

O PP de Arzúa esixe transparencia sobre o custo desta iniciativa. ¿Canto vai custar aos arzuáns? ¿Por que non se destinan os recursos a mellorar os accesos ás parroquias, a reparar infraestruturas ou a apoiar ao tecido empresarial?

¿Onde están Alternativa por Arzúa e o PSOE? ¿Comparten esta homenaxe? ¿Apoian esta deriva? O Partido Popular reclama unha declaración pública por parte dos seus socios de goberno.

A realidade é clara: os resultados das últimas eleccións municipais e autonómicas amosan que Arzúa non quere comunismo, nin marxismo, nin revolucións. Arzúa quere traballo, servizos, futuro. E o PP de Arzúa comprométese a retirar ese monolito en canto goberne. Non queremos un pobo politizado, queremos un pobo atendido.

Hai moita xente en Arzúa que merece homenaxes: persoas que traballaron pola vila, que contribuíron ao seu desenvolvemento, que deixaron pegada na comunidade. Pero o tripartito escolle homenaxear a quen nada ten que ver con nós. Unha decisión que fala máis da súa axenda ideolóxica que do interese xeral.

Desde o Partido Popular de Arzúa seguiremos defendendo os intereses reais da veciñanza, fronte á propaganda e á manipulación política.

Publicacións Relacionadas