HomeA CoruñaO PP de Arzúa denuncia a vulneración do seu dereito á intervención...

O PP de Arzúa denuncia a vulneración do seu dereito á intervención no pleno por parte do alcalde

- Anuncio -spot_img

O Partido Popular de Arzúa denuncia a actitude antidemocrática e autoritaria do alcalde, Xoán Xesús Carril, durante o pleno ordinario celebrado este xoves, no que se lle impediu ao voceiro popular, Rafael Rivadulla, exercer o seu dereito a intervir na defensa da urxencia dunha moción presentada polo grupo.
A moción tiña como finalidade abordar e condenar as pintadas ilegais realizadas fai uns días polo concelleiro do BNG, Daniel Moscoso, que curiosamente onte non asistiu ó pleno, feitos que o PP considera dunha extrema gravidade e incompatibles coa responsabilidade institucional que require o cargo de concelleiro.
O alcalde interrompeu a intervención do voceiro popular de maneira unilateral, sen amparo legal, e incumprindo o establecido no artigo 67.2 do Regulamento de Organización Municipal, que recoñece expresamente o dereito do grupo propoñente a xustificar a urxencia dunha moción durante un máximo de tres minutos.
“O alcalde non pode actuar como se o pleno fose da súa propiedade. Os dereitos da oposición están recollidos por lei e non dependen do seu criterio persoal”, sinalou Rafael Rivadulla tras o pleno. O PP considera especialmente grave que se pretenda silenciar unha moción relacionada cun comportamento reprobable dun membro do goberno local.
Desde o Partido Popular de Arzúa advertimos que non imos permitir actitudes caciquís nin o intento de limitar a liberdade de expresión e participación política no Concello. Xa no pleno de onte, nun punto previo, o alcalde autorizou unha segunda quenda de intervención salvo ó voceiro popular, pasando á votación directamente.
Exiximos respecto polas normas, polas institucións e polos dereitos de todos os representantes públicos, sexan do signo político que sexan.

Publicacións Relacionadas