HomeA CoruñaO PP de Arzúa impulsa a moción para garantir a permanencia e...

O PP de Arzúa impulsa a moción para garantir a permanencia e mellora da base forestal na feira do gando

- Anuncio -spot_img

O Grupo Municipal do Partido Popular de Arzúa presentou unha moción ao Pleno da Corporación no pasado xoves para instar ao Concello a formalizar de xeito inmediato un convenio de cesión coa Consellería do Medio Rural e iniciar as xestións necesarias para evitar o peche e o traslado da Base Forestal do SPIF a outro concello.
A base, situada nas instalacións da feira do gando, é unha infraestrutura estratéxica e esencial para a resposta rápida fronte aos lumes. O seu peche suporía un grave prexuízo para Arzúa, aumentando o tempo de resposta. Os sindicatos veñen advertindo que a falta de condicións mínimas de habitabilidade e hixiene podería provocar o seu peche. Actualmente, a base presenta graves carencias, como a ausencia de aseos e duchas diferenciadas por sexo.
O PP xa advertira sobre esta situación, presentando a petición como un rogo no pleno ordinario do 30 de novembro de 2023 , mais dende aquela “non se observaron avances nin consta achegamento formal do Concello á Consellería”. A Consellería do Medio Rural trasladou a súa predisposición a xestionar e mellorar a base, sempre que o Concello formalice un convenio de cesión.
A moción orixinal do PP propoñía que o Concello:

  1. Iniciase os contactos coa Consellería para formalizar a cesión.
  2. Instase ao á Consellería a asumir as melloras que lle correspondan segundo convenio, onde podería participar o Concello, e estudar a cesión de máis espazo.
  3. Instase ao Concello a coordinar con Cáritas a reordenación dos locais para ampliar o espazo.
    Non obstante, o BNG presentou unha emenda que minimiza a implicación municipal:
  • Modificou o punto inicial para instar á Consellería a iniciar os contactos, en lugar de instar ao Concello.
  • Eliminou completamente o punto onde se instaba ao Concello a asumir as melloras.
  • Eliminou inexplicablemente o punto referente á coordinación con Cáritas para a ampliación da base.
    O voceiro municipal, Rafael Rivadulla, expresou o seu agradecemento polo apoio unánime da Corporación, pero lamentou a actitude do goberno local:
    “Agradecemos o apoio unánime da Corporación, pero non podemos pasar por alto que o goberno local non moveu un dedo nesta cuestión dende que a levamos como rogo no pleno hai dous anos, obrigándonos a mobilizarnos agora de urxencia,” declarou Rivadulla.
    O voceiro criticou duramente a emenda do BNG:
    “A emenda do BNG é unha clara declaración de intencións: queren que o Concello se lave as mans. Lamentamos que o BNG priorice poñer por diante non ter que facer ningunha mellora nas instalacións de titularidade municipal máis en cambio empreguen cartos continuamente en cuestións de política nacionalista que non son urxentes para Arzúa. Ademais, resulta incomprensible que eliminen o punto de Cáritas, ignorando a dispoñibilidade para reordenar os espazos e conseguir a tan necesaria ampliación da base, algo que deberá negociar a Consellería.”
    O Partido Popular de Arzúa subliña a necesidade de actuar con celeridade para garantir a continuidade desta infraestrutura estratéxica.

Publicacións Relacionadas