∙ O Torneo, no que participan seis equipos de categoría pre-benjamín, terá lugar o vindeiro sábado 4 de xaneiro no Polideportivo do Burgo, desde as 9:30 horas.
∙ A líder popular, Izaskun García, convida “a todos os veciños e afeccionados que se animen a acudir e que contribúan achegando, polo menos, un quilo de alimento non perecedoiro” para acceder ao pavillón.
O Partido Popular de Culleredo organiza por terceiro ano consecutivo o torneo solidario de fútbol sala categoría pre-benjamín cuxa finalidade é a recollida de alimentos non perecedoiros a favor de Cáritas Vilaboa.
Un ano máis son seis os equipos participantes que se medirán nunha liguiña de dous grupos durante a xornada matutina para, pola tarde, disputar as semifinais e a final. Hércules FS, Troula FS “A”, Troula FS “B”, SP Cambre e os locais Olímpico de Rutis e Sporting O Burgo son os participantes nesta edición.
Os populares queren mostrar o seu agradecemento “aos equipos que aceptaron a nosa invitación, ás directivas e ás familias dos mozos deportistas que, en plenas vacacións de Nadal, acoden á nosa convocatoria por un fin solidario como é recoller alimentos para as familias que máis o necesitan, e máis nestas datas”, sinala o concelleiro popular, Carlos Leites.
O torneo terá lugar o vindeiro sábado 4 de xaneiro do 2025 no Polideportivo do Burgo, a partir das 9:30horas, e prolongarase durante todo o día ata a celebración da final ás 19:00 horas. Para poder acceder ao pavillón “e gozar do torneo será necesario contribuír con, polo menos, un quilo de alimentos non perecedoiros”, apunta o edil popular.
“Esperamos que este evento sexa un gran éxito e que podamos superar a cantidade de alimentos recolleitos en edicións anteriores. Todo o recadado será entregado a Cáritas Vilaboa que, co seu impagable labor, encargarase de distribuír os alimentos ás familias máis vulnerables”, conclúe a portavoz popular, Izaskun García.