• A reunión informativa serviu para resolver dúbidas e animar ás entidades para preparar con tempo as súas solicitudes para financiar obras e novo equipamento
• Izaskun García: “O noso compromiso é estar sempre cerca e axudar ás asociacións de veciños. Son unha peza fundamental de Culleredo e a súa actividade repercute directamente na calidade de vida da xente”
O PP de Culleredo celebrou unha reunión este martes con asociacións veciñais do concello para trasladarlles a información sobre a nova convocatoria de axudas, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, para financiar obras de mellora nos seus locais sociais e a adquisición de novo equipamento co obxectivo de reforzar a súa actividade. No encontro participaron representantes das entidades Río Trabe, Santo Estevo de Sueiro, Castelo, Castro-Laxe e Ledoño, así como da Asociación de Mulleres Rurais As Berenguelas.
A reunión permitiu explicar o alcance destas subvencións, aclarar cuestións prácticas para a solicitude e resolver dúbidas expostas polas propias asociacións. Entre outros aspectos, informouse de que non é necesario que o local social sexa propiedade da entidade para poder optar a estas axudas, xa que tamén poden solicitarse para inmobles sobre os que exista dereito de uso, como pode ocorrer en locais cedidos polo Concello.
O voceiro popular, Izaskun García, subliña que “as asociacións de veciños son unha peza fundamental da vida social de Culleredo e merecen contar con toda a información e todo o apoio posible para aproveitar oportunidades como esta”. “Realizan un labor imprescindible, especialmente no rural, e estas axudas poden traducirse en melloras reais para os seus centros e a súa actividade diaria”, engade.
O PP lembra que o ano pasado xa celebrou unha reunión similar coas entidades veciñais, unha iniciativa que resultou moi útil xa que varias asociacións puideron beneficiarse despois destas subvencións. É o caso da de Castelo, que renovou xanelas, canlóns, cuberta e mobiliario, e a de Sueiro, que pechou o soportal, instalou calefacción nunha aula e adquiriu material informático, deportivo e lúdico. As asociacións de Almeiras e Río Trabe tamén recibiron axudas en 2025 para distintas actuacións.
Izaskun García destaca o interese mostrado polas entidades asistentes: “O noso compromiso é estar sempre preto de as asociacións, escoitar as súas necesidades, darlles información clara e axudar a que dispoñan de máis ferramentas para seguir mantendo vivos os seus centros sociais e a actividade que desenvolven durante todo o ano, que repercute directamente na calidade de vida dos nosos veciños”.



