Home A Coruña A Coruña O PP de Culleredo urxe a Rioboo a presentar á Xunta un...

O PP de Culleredo urxe a Rioboo a presentar á Xunta un plan de explotación para revitalizar o paseo marítimo en colaboración cos hostaleiros

0
2

• Os populares lembran que os concellos teñen prioridade e deben tramitar os seus proxectos antes de que termine o mes de outubro

• Izaskun García, portavoz popular: “Culleredo non pode perder este tren. O noso paseo marítimo necesita un proxecto claro e compartido que o converta nun espazo de lecer sostible para veciños e visitantes”

O Partido Popular de Culleredo mantivo esta mañá un encontro con hostaleiros do concello para analizar con eles as oportunidades que abre a nova xestión autonómica do litoral, asumida pola Xunta o pasado mes de xullo, e recoller as súas propostas para revitalizar e poñer en valor o paseo marítimo do Burgo. O PP reclama ao alcalde, José Ramón Rioboo, que presente de forma inmediata á Xunta un plan de explotación do paseo, elaborado en colaboración coa hostalería local, co obxectivo de impulsar a actividade económica e reforzar o atractivo turístico desta zona estratéxica do concello.
A portavoz popular, Izaskun García, destacou durante a reunión que o Pacto polo Litoral impulsado pola Xunta supón “unha nova maneira de coidar a nosa costa: ordenada, sostible e xeradora de oportunidades”. “Culleredo non pode perder este tren. O paseo marítimo necesita un proxecto claro e compartido que o converta nun espazo de lecer sostible para veciños e visitantes”, engadiu.
Pola súa banda, os hostaleiros expresaron a súa disposición para participar en iniciativas como a instalación de chiringuitos móbiles e sostibles promovidos pola Xunta, así como en actividades deportivas e de lecer vinculadas ao paseo marítimo. Coincidiron en que se trata de “unha gran oportunidade para aproveitar a afluencia de público que hai na zona, xerar sinerxias entre locais e ofrecer propostas variadas e complementarias”. Reclamaron, ademais, que o Concello lidere o proxecto e traballe xunto a eles. “O Concello –subliñou Izaskun García– debe estar para apoiar e sumar”.
O PP lembrou que os concellos teñen prioridade para presentar os seus plans de explotación ata finais de outubro, antes de que o proceso se abra a particulares a mediados de novembro. Así mesmo, trasladou aos hostaleiros que a Xunta se comprometeu a simplificar os trámites, axilizar autorizacións e ofrecer ferramentas de apoio como unha web informativa, unha guía para municipios e o teléfono 012 para resolver dúbidas.
Os populares advertiron que outros concellos xa están a traballar nos seus plans e que Culleredo non debe quedar atrasado. Neste sentido, García comprometeuse a que o seu grupo municipal acompañe directamente aos hostaleiros interesados para canalizar as súas propostas #ante a Xunta no caso de que o Concello non actúe: “Ábrese unha xanela de oportunidades moi grande para a nosa hostalería. Culleredo destaca pola calidade dos seus locais e debe aproveitar este momento para reforzar o seu atractivo turístico e económico”.