O próximo 22 de outubro cumprirá un ano dende o peche e posterior derrubo parcial da ponte de Maroxo, sobre o río Iso. Dende aquela, os veciños sofren un problema crecente: só lles restan dous accesos, un deles pola Fonte Santa, con firme en mal estado e trazado perigoso, e outro por San Miguel, que supón un rodeo considerable. A veciñanza xa protestou publicamente a mediados de setembro para denunciar a situación.
O Partido Popular de Arzúa lembra que xa no pleno ordinario de abril presentou unha moción para reclamar a reparación urxente da ponte. A proposta foi rexeitada polo tripartito (BNG, PSOE e Alternativa de Arzúa), que votou en contra da urxencia, impedindo que se debatese.
Nos últimos días, o PP tivo coñecemento de que o Concello non remitira aínda a Augas de Galicia a memoria do proxecto necesaria para a súa aprobación, trámite imprescindible para iniciar a obra.
Con todo, o alcalde Xoan Xesús Carril declarou publicamente fai un mes que a memoria xa fora enviada tres meses antes. “O alcalde ou mentiu, ou falou sen preocuparse de comprobar a información. En calquera caso, estamos diante dunha irresponsabilidade grave que evidencia a súa desidia”, denuncia Rafael Rivadulla, portavoz do PP.
O voceiro popular engade: “Os veciños de Maroxo non poden seguir pagando coa súa seguridade e co seu tempo a incompetencia do goberno local. O tripartito leva un ano mareando a perdiz, preocupados en cuestións ideolóxicas, mentres a ponte segue caída e as familias prexudicadas”.
O PP de Arzúa esixe explicacións inmediatas ao alcalde e unha tramitación urxente da memoria en Augas de Galicia para que se desbloquee canto antes a reparación da ponte. “Cada día de atraso é unha mostra máis da desidia dun goberno incapaz de xestionar nin o máis básico”, conclúe Rivadulla.