Fernández Rosende defenderá mañá unha iniciativa no Parlamento galego para reclamar a execución das obras conforme ao proxecto orixinal
Os mariscadores denuncian que 24 dos 27 bancos están afectados e reduciuse a superficie produtiva en máis do 40% nalgunhas zonas
O deputado do Grupo Parlamentario Popular de Galicia Jesús María Fernández Rosende e a deputada provincial e portavoz municipal do PP en Culleredo, Izaskun García, visitaron esta mañá a ría do Burgo para coñecer sobre o terreo o estado actual dos bancos marisqueiros tras as obras de dragaxe impulsadas polo Goberno central. Durante o percorrido, realizado a bordo dunha embarcación, estiveron acompañados por un técnico da Confraría de Pescadores da Coruña, Pablo Seoane, e varios representantes do sector, entre eles Manuel Baldomir, presidente dos mariscadores a pé.
Segundo trasladaron os mariscadores, e tal e como se recolle no informe técnico, 24 dos 27 bancos marisqueiros da ría coruñesa han resultado afectados polos traballos de dragaxe, cunha perda de superficie produtiva que supera o 40% nalgunhas zonas. Ademais, sinalaron graves deficiencias na execución das obras, que provocaron alteracións do substrato, cambios de cota e danos provocados nos bancos pola maquinaria pesada utilizada. Todo iso compromete, denuncian, a sustentabilidade da actividade.
Fernández Rosende defenderá mañá martes unha proposición non de lei na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia na que se insta ao Goberno central a completar de inmediato as obras, conforme ao proxecto orixinal, e corrixir todos os danos ocasionados, ademais de ampliar as compensacións aos mariscadores ata que poidan volver faenar con normalidade. “O impacto foi moito maior do esperado. Esta obra tiña como obxectivo rexenerar a ría, pero deixou a decenas de profesionais sen poder faenar e comprometeu a sustentabilidade dos bancos”, advertiu Fernández Rosende. “Os contratos están para cumprirse e as présas son malas conselleiras.
Débese terminar esta obra con dilixencia”, engadiu o deputado autonómico. Manuel Baldomir, pola súa banda, agradeceu a visita do PP e criticou a falta de diálogo por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica: “Estamos tirados na rúa e non parécenos ben que se deixase a ría ambientalmente tocada. Levamos un ano xa sen chegar a ningún tipo de acordo. Este é un problema causado por unha obra que executou ou ministerio e ten que ser finalizada en condicións.
Teñen que darnos unha solución aos traballadores que vivimos do marisqueo que, a día de hoxe, aínda non podemos faenar”.