• Os populares reuníronse con clubs de fútbol, baloncesto e balonmán de Culleredo, que reclaman partidas específicas e pechadas para cada obra
• Rexistrarán emendas para corrixir deficiencias técnicas, fixar criterios e prioridades, e asegurar un investimento transparente, planificada e duradeira
O Grupo Municipal do Partido Popular en Culleredo presentará emendas ao crédito extraordinario que o goberno local de José Ramón Rioboo levará a aprobación no pleno deste xoves para financiar un plan de renovación de infraestruturas deportivas municipais valorado en 5 millóns de euros e que inclúe 17 actuacións repartidas polo concello.
O PP mantivo onte unha reunión con clubs de fútbol, baloncesto e balonmán para contrastar necesidades e prioridades. Os representantes das entidades deportivas trasladaron a súa preocupación polo estado de campos, pavillóns e pistas, e reclamaron que o crédito se articule con partidas claras e pechadas por actuación, evitando que os fondos se dilúan ou se reorienten sen control. “Levamos moitos anos esperando isto, fai moita falta”, trasladaron, e advertiron do impacto reputacional do estado das instalacións en competicións a nivel nacional: “A imaxe que damos os equipos é lamentable”.
O PP reitera a súa denuncia de que nos últimos anos acumuláronse problemas recorrentes nestas infraestruturas, como iluminación deficiente, pavimentos en mal estado, vestiarios insuficientes e deteriorados, filtracións en cubertas, carencias de accesibilidade e unha evidente falta de mantemento. “Ninguén discute que hai que actuar e facelo xa; o que discutimos é o como, para que se faga ben e con garantías”, sinala a portavoz popular, Izaskun García.
Para o PP, o plan que Rioboo leva agora ao pleno é o resultado de cinco anos de nulo investimento e da presión crecente de clubs e usuarios, ademais do traballo de fiscalización e propostas do propio grupo popular, que durante este mandato mantivo reunións periódicas cos clubs e trasladado as súas necesidades a través de distintas mocións, como o plan integral de mantemento de instalacións deportivas, aprobado no pleno en 2023 e que nunca se executou. “O plan preséntase porque a situación fíxose insostible e porque os clubs e os veciños levan tempo empuxando; tamén porque desde o PP levamos insistindo en que o deporte non pode seguir abandonado”, subliña Izaskun García.
Con todo, o PP advirte de que o expediente presentado polo goberno local carece de planificación real e “parécese máis a unha listaxe improvisada que a un plan” porque non fixa prioridades, non inclúe proxectos detallados e manexa cifras orientadoras sen base técnica suficiente. Por iso, anuncia que presentará melloras para corrixir estas carencias e asegurar unha repartición eficaz dos fondos: “Hai que garantir que o diñeiro chega onde debe. Ten que ser un investimento útil, eficiente e duradeira”.



