HomeA CoruñaO PP reúne a hostaleiros de Culleredo para informar das oportunidades de...

O PP reúne a hostaleiros de Culleredo para informar das oportunidades de desenvolvemento do paseo marítimo tras asumir a Xunta a xestión do litoral

- Anuncio -spot_img

• Izaskun García, portavoz popular: “Queremos informar o sector e favorecer unha canle de diálogo coa administración autonómica para poñer en valor o paseo do Burgo e transformalo nun espazo de goce sostible”

O Partido Popular de Culleredo celebrará mañá martes 23, ás 11:30 horas, na Casa do Cura, unha primeira reunión con hostaleiros do concello para informarlles de primeira man das oportunidades que para a hostalería local ábrense coa asunción por parte da Xunta de todas as competencias sobre o litoral galego, en vigor desde o pasado 1 de xullo. O encontro, en formato de café informal, busca tamén establecer unha canle de diálogo directo entre o sector hostaleiro e a administración autonómica para poñer en valor o paseo marítimo do Burgo e impulsar o desenvolvemento económico e turístico da zona.
Durante a sesión, o PP trasladará aos hostaleiros as principais novidades expostas no primeiro Cume de Municipios Costeiros de Galicia, celebrada o pasado xoves en Santiago coa participación de 86 concellos e á que acudiu a portavoz popular de Culleredo, Izaskun García, xunto a concelleiros do grupo municipal. Entre estas novidades figura a posibilidade de instalar “chiringuitos sostibles” nos paseos marítimos, con modelos desmontables e integrados na paisaxe, o que permitiría dinamizar a actividade hostaleira e ofrecer novos servizos tanto a veciños como a visitantes. Así mesmo, informarase sobre a simplificación de trámites grazas á centralización de competencias na Xunta.
A portavoz do PP subliña que con esta iniciativa “queremos manter informado o sector hostaleiro e favorecer unha canle de diálogo coa administración autonómica para que poidan beneficiarse das novas oportunidades, poñendo en valor o paseo do Burgo e transformándoo nun espazo de goce sostible”.
O PP de Culleredo trasladará á Xunta as conclusións desta primeira reunión cos hostaleiros locais e pedirá que representantes da Consellería de Medio Ambiente e da Delegación Territorial na Coruña participen en próximos encontros, co fin de potenciar o aproveitamento do litoral no Burgo e seguir impulsando a economía local.

Publicacións Relacionadas