O programa de Lecer de primavera reanudará as súas actividades o 20 de abril

Redacción
Lectura mínima de 1

A empresa responsable do contrato ponte iniciará este mércores os contactos co profesorado

O Concello da Coruña vén de formalizar o contrato ponte que permitirá o inicio das actividades do programa de Lecer do Fórum Metropolitano e Centro Sociocultural Ágora. Durante o día de hoxe a nova empresa responsable das actividades comezará a comunicarse co profesorado coa fin de informarlles de que as clases se retomarán o luns 20 de abril.

O reinicio do programa de Lecer de primavera permitirá retomar os talleres, as actividades de clausura e os campamentos de verán previstos. “Damos solución de maneira áxil a unha situación complexa e pensando en todo momento nas persoas usuarias deste programa, así como no profesorado afectado”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Nos vindeiros días, as persoas interesadas poderán consultar a programación e formalizar a súa inscrición a través da páxina web e das redes sociais do Concello. O Goberno municipal executará este servizo mediante un contrato ponte coa empresa Os Ventos, o que permitirá retomar as sesións desta edición antes de que se licite o novo contrato do programa, que arrincará en setembro.

Comparte este artigo