Home A Coruña O programa Especialistas en Cooperar envía a Mozambique a persoal de catro...

O programa Especialistas en Cooperar envía a Mozambique a persoal de catro concellos

- Anuncio -
  • Técnicas e técnicos municipais de Boiro, Poio, Rianxo e Lousame colaborarán con administracións locais e ONGD parceiras do Fondo Galego de Cooperación
  • Asesorarán nos eidos da acción social, igualdade, arquitectura e deportes, reforzando os proxectos de desenvolvemento impulsados no país africano

Tres técnicas e un técnico dos concellos de Boiro, Poio, Rianxo e Lousame desprazaranse no mes de outubro a Mozambique para colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que as catro administracións locais son socias, a través do programa Especialistas en Cooperar. Trátase da primeira edición desta iniciativa de cooperación técnica, que se fai pública coincidindo coa conmemoración do Día das Persoas Cooperantes.

As tarefas de Marga Sampedro, directora do CIM de Boiro, e de Ana Piñeiro, arquitecta municipal de Rianxo, van estar vinculadas ao proxecto de construción de catro vivendas resilientes ao cambio climático destinadas a persoas afectadas polos ciclóns, financiado no último ano pola Xunta de Galicia e o Fondo Galego no municipio de Boane. Ademais de propoñer un plan de xeración de ingresos para as mulleres que alí van residir, Marga Sampedro colaborará coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos para que incorporen a perspectiva de xénero na acción local. “Agardo achegar os meus coñecementos nesta experiencia de convivencia e aprendizaxe, participando en iniciativas transformadoras no eido da igualdade de oportunidades e da non discriminación”, explica a técnica boirense.

Ambas as dúas traballadoras municipais participarán asemade nunha xornada de formación a persoal dos concellos da provincia de Maputo, amais de visitar varios deles para asesorar en materia de xénero e mais arquitectura e urbanismo. Segundo Ana Piñeiro, “cómpre artellar unha serie de capacidades que permitan anticiparse, superar e recuperarse dos desastres naturais”. “Sei que acabarei recibindo máis do que achego, pero espero que poidan tirar proveito da miña estadía”, engade a arquitecta, para quen “vivimos nun planeta no que xa non hai compartimentos estancos, unha acción que se leva a cabo nun lugar repercute en todos”.

“A ilusión de coñecer e aprender da realidade das mulleres de Mozambique e traballar cunha organización con moitos anos de experiencia alá” é tamén o que move a Raquel Morales. A directora do CIM de Poio vai apoiar á especialista en igualdade da Fundação Encontro na diagnose de xénero nos centros infantís de cinco comunidades rurais de Boane, así coma no deseño e realización de actividades coeducativas. “Aportarei a miña experiencia profesional sobre igualdade e prevención da violencia”, comenta a técnica de Poio. Búscase así darlle pulo a novas actuacións que favorezan a equidade de xénero, como o recente proxecto a prol do dereito á educación e a saúde apoiado polo Fondo Galego e o Concello de Cambre.

Néstor Romero, pola súa banda, vai realizar a estadía que lle quedou pendente en 2019, cando a inestabilidade desaconsellaba viaxar ao municipio de Nhamayábue. Agora, o técnico de deportes de Lousame poderá cumprir o obxectivo de “colaborar no deseño da programación municipal deportiva e tamén na formación de 23 adestradores de fútbol”, segundo el mesmo indica. “Todas as viaxes nos enriquecen, pero teño a sensación de que esta vivencia pode marcar un antes e un despois”, conclúe. Ademais, aproveitará para supervisar o proxecto de abastecemento de auga que o Fondo Galego promoveu na zona.

Cooperación técnica
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.

Especialistas en Cooperar toma o relevo do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, que ao longo de catorce edicións enviou a un total de 46 empregadas e empregados da administración local a colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfigración do programa, tras dous anos suspendido por mor da pandemia, busca agora potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Relacionadas

O servizo de axuda no fogar atendeu o ano pasado a 395 veciños e...

0
Entre dependencia e libre concorrencia prestáronse 74.566,59 horas de SAF, que tiveron un custe total de 1,6 millóns de eurosO servizo municipal de axuda...

O Concello da Pobra colabora no proxecto ESCLIMATIC que mide o impacto do cambio...

0
A cooperativa Dálle que Dálle atópase inmersa nun proxecto co obxectivo de crear unha ferramenta interactiva e intuitiva para o autodiagnóstico e a planificación...

Comeza a repoboación da Carballeira de Santa Minia coa plantación de oito novos exemplares

0
Procedentes dun viveiro de Abadín, as novas árbores teñen uns tres metros de altura e están perfectamente equilibrados entre copa e raíz, para facilitar...

O percebe de Aguiño celebra unha nova edición coincidindo co 100 aniversario da Cofradía

0
Os edís Vicente Mariño, Fernando Abraldes, Francisco Suárez-Puerta e Antía Alberte presentaron hoxe a Festa do Percebe de Aguiño xunto a Manuel Ángel Reiriz,...

O Concello de Boqueixón abre o prazo para solicitar as axudas de 400 euros...

0
As familias das crianzas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 1 de xaneiro e o 26 de marzo teñen ata o 10 de abril...

O pleno votará a aprobación definitiva do Plan Parcial AR-S1 que pretende a creación...

0
A promotora tamén solicitou o cambio de sistema de actuación de compensación a concerto. Dous dos asuntos que serán elevados á sesión ordinaria do Pleno...

Publicacións Relacionadas