A iniciativa está destinada ao alumnado dos centros de FP e Ensinos Especiais da cidade
Este mércores 17 de setembro, de 9.30 a 12.00 horas, o auditorio do Centro Sociocultural Ágora acollerá a primeira xornada do curso 2025/2026 do programa Inicia, iniciativa municipal de difusión da cultura emprendedora. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos que a cidadanía poida poñer en marcha os seus proxectos e atope vínculos e apoios noutras persoas a través de iniciativas coma esta para progresar no seu desenvolvemento profesional”, indicou Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados.
Inicia é un programa municipal que persegue a difusión e implantación do espírito emprendedor empresarial entre o alumnado dos Centros con Ciclos de Formación Profesional e Ensinos Especiais da cidade. O programa proporciona apoio ao profesorado dos centros participantes, mediante a formación-titorización do alumnado e ofrece premios e incentivos.
Nesta edición foi necesario adaptar a formación do programa á nova realidade normativa da Formación Profesional e ás necesidades dos Centros. Despois de analizar eses cambios, propúxose refundir a formación en tres módulos a impartir no último cuatrimestre do 2025. Nesta edición participarán seis centros, con 19 especialidades diferentes.
Polo tanto, na edición 2025-2026 o programa consta de tres fases. A primeira fase, que é formativa, ten tres módulos: o primeiro é de motivación ao alumnado para fomentar a súa participación nun programa que orienta ao autoemprego, no segundo módulo se instruirá sobre a elaboración dun plan económico-financeiro e o terceiro módulo será sobre a presentación de proxectos. Na segunda fase, no mes de xaneiro, entregaranse os distintos proxectos resultantes e farase unha selección dos mesmos. Por último, a terceira fase, que se celebrará en febreiro, consistirá na celebración da Feira de Ideas e Premios Formación para Emprender.