A curto prazo rematarán outros cursos
Unha semana máis chegou ao seu fin unha das accións formativas da terceira edición do Programa Integrado de Emprego de Ribeira, desta vez, focalizada na cociña colectiva, de 35 horas de duración, coa participación de 15 persoas.
Outros cursos a completar a curto prazo son os de ofimática, técnicas administrativas e mobilización de enfermos, todas eles dirixidas a 15 persoas. Os dous primeiros desenvolveranse na Aula CeMIT ribeirense, mentres que o último será nas aulas de Cristóbal Colón.
A concelleira de Promoción Económica, Carmen Pérez, na compaña da súa homóloga de Educación, Nucha Brión, fixo entrega dos diplomas destacando “o bo desenvolvemento desta terceira convocatoria do programa e o aproveitamento que está tendo para moitos veciños da comarca cara a capacitarse para as diferentes saídas laborais existentes.”
Este PIE comezou a súa andadura no mes de outubro para ofrecer, ao longo de doce meses, orientación, formación e intermediación laboral, buscando adaptarse ás necesidades de cada persoa. Tamén se lles ofrece a posibilidade de facer prácticas profesionais non laborais.
Participación dun cento de veciños desempregados da comarca
O Programa Integrado de Emprego de Ribeira conta coa participación dun cento de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e residentes nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Porto do Son, cun compromiso de inserción laboral do 45%.
Atópase promovido polo Concello de Ribeira e subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.

