Esta acción formativa enmarcase na terceira edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira
Un total de 13 persoas asisten nestes días ao curso de carretillero enmarcado na terceira edición do Programa Integrado de Emprego de Ribeira. O dito curso ten unha duración de 20 horas repartidas en catro días: 15, 17, 23 e 24 de xaneiro. Se ben a teoría se imparte no Viveiro de Empresas, a práctica desenvólvese nos sábados 17 e 24, nas instalacións dunha empresa da comarca.
Durante as clases ensínanse as diferentes tipoloxías de carretilla e o seu manexo, coa oportunidade de levar os coñecementos ao terreo.
Deste xeito, abórdanse nocións básicas para que as persoas participantes reúnan os requisitos mínimos do perfil profesional que demandan as empresas de distintos sectores como alimentación ou construción.
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Carmen Pérez, desprazouse ata o Viveiro de Empresas no primeiro día do curso para
coñecer o seu desenvolvemento e ás persoas participantes. “As accións que contempla o itinerario formativo do Programa Integrado de Emprego buscan capacitar a unha parte da cidadanía de toda a comarca para diferentes perfís profesionais. De aí a variedade dos cursos. O noso obxectivo para o curso 2025-2026 é acadar unha inserción laboral do 45%, polo que a formación é indispensable”, explica a edil.
Un cento de participantes no Programa Integrado de Emprego
O Programa Integrado de Emprego de Ribeira conta coa participación dun cento de persoas desempregadas inscritas como demandantes
de emprego e residentes nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Porto do Son.
Ao longo de doce meses reciben orientación, formación e intermediación laboral baseada nunha metodoloxía que combina a parte expositiva coas dinámicas de grupo, buscando adaptarse ás necesidades e utilizando as novas tecnoloxías para favorecer a comunicación e a conciliación, así como o desenvolvemento de habilidades para a busca de emprego.
O Programa Integrado de Emprego 2025-2026 está promovido polo Concello de Ribeira e subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.



