A alcaldesa e o director xeral de Carreteras del Estado, Juan Pedro Fernández, reuníronse hoxe coas e cos representantes das asociacións dos tres polígonos coruñeses, para informarlles sobre os últimos avances do proxecto
Ademais, Rey e Fernández visitaron este luns os traballos que se están levando a cabo en Alfonso Molina, onde nos primeiros meses do 2025 xa serán visibles as obras sobre a estrada
A alcaldesa, Inés Rey, e o director xeral de Carreteras del Estado, Juan Pedro Fernández Palomino, mantiveron hoxe unha reunión de traballo coas asociacións de empresarias e empresarios dos polígonos de Agrela, Pocomaco e Vío, na que Concello e Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible deron conta dos avances asociados ao proxecto de construción da Cuarta Rolda.
Está prevista que a redacción do mesmo, iniciada en marzo deste ano, se complete a finais do 2025. Por iso, co obxectivo de que o trazado final atenda ás necesidades futuras da cidade en termos de transporte, loxística e mobilidade, o MITMA comprometeuse hoxe a que o proxecto da Cuarta Rolda incorpore a conectividade cos polígonos empresariais da Coruña.
“É o momento idóneo para recoller as achegas de Agrela, Pocomaco e Vío, e traballar xuntos cunha perspectiva de longo alcance. A Cuarta Rolda é unha actuación fundamental para conectar a cidade co porto exterior de Langosteira, e iso inclúe ter en conta a súa contorna. Pouco a pouco, os polígonos están integrándose na paisaxe urbana da Coruña. Que estean conectados coa Cuarta Rolda é clave para axilizar o seu traballo do día a día”, subliñou Rey.
Cómpre lembrar que a concepción inicial do viario era a prolongación do acceso ao porto exterior, mais coa actualización do proxecto búscase, precisamente, que a Cuarta Rolda non só sirva para
Nota de Prensa
mellorar as conexións con Langosteira, senón tamén cos polígonos. Neste sentido, o MITMA tamén se comprometeu a trasladar aos polígonos a solución técnica que se decida finalmente.
No encontro, que tivo lugar esta mañá en María Pita, participaron Ángel González del Río, xefe da demarcación de Carreteras del Estado en Galicia, e Marta Latas, directora do proxecto da Cuarta Rolda. Ademais, asistiron os concelleiros José Manuel Lage e Noemí Díaz, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e os xerentes das asociacións de empresarios de Agrela, Pocomaco e Vío. Tamén asistiron as e os representantes da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña.
As obras sobre a estrada en Alfonso Molina, nos primeiros meses de 2025
Noutra orde de asuntos, Rey e Fernández Palomino visitaron esta mañá as obras de remodelación para ampliar a avenida Alfonso Molina, unha intervención na que o Goberno central e o Concello están a traballar de forma conxunta desde hai un ano, e cuxa conclusión está prevista no segundo semestre do ano 2026, aproximadamente.
A rexedora amosou hoxe o agradecemento e implicación do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, “tanto do ministro Óscar Puente como do seu equipo, cunha intervención que a cidade demandaba desde hai máis de vinte anos e que, agora, é unha realidade” coa que se busca solucionar os nudos que provocan a miúdo as retencións de vehículos na principal porta de acceso á Coruña.
Cada día, uns 50.000 vehículos saen da AP-9 en dirección á Coruña. Son só unha parte dos máis de 120.000 que, a diario, absorbe especificamente a avenida Alfonso Molina. “A ampliación da avenida, en máis de dous quilómetros en ambos os lados, axudará a mellorar as conexións, tamén a facilitar a distribución dos vehículos pesados que chegan desde A Pasaxe en dirección aos polígonos da cidade, permeabilizando máis a comunicación na vía”, indicou Rey.
Tal e como se informou previamente, na presentación do proxecto para a ampliación de Alfonso Molina, está previsto levar a cabo un plan de integración ambiental, “que limite e minimice o impacto con barrios limítrofes como Xuxán e Matogrande”. Entre as actuacións previstas destaca a creación de novas sendas peonís e ciclables, tamén de áreas verdes nas que o arboredo faga de elemento divisorio e protector entre as áreas residenciais e a estrada.