A actuación forma parte do plan de acondicionamento da mazá formada tamén polas rúas Reus e Andorra
Catro meses despois do inicio dos traballos, e dunha suspensión temporal obrigada polo tempo das últimas semanas, entran na recta final as obras que permitirán garantir a accesibilidade na rúa Portugal, unha das máis estreitas da zona urbana, e que supoñen ademais o primeiro paso de cara á reurbanización da mazá integrada tamén polas rúas Andorra e Reus. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro e Mobilidade, Juan Seoane, realizaron unha visita ás obras, que executa a empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas S.L. cun orzamento de 134.673 euros.
A actuación en marcha forma parte do proxecto de humanización que estamos a impulsar desde o goberno municipal con actuacións que inclúen tanto a renovación ou instalación de todos os servizos urbanísticos como a reurbanización das rúas para mellorar a accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas e o fomento da circulación peonil fronte á rodada con maior seguridade. Na rúa Portugal óptase, en concreto, polo modelo de plataforma única e a eliminación do tráfico rodado, que quedará limitado ás persoas residentes.
Polo que respecta aos servizos urbanísticos, as obras permitiron eliminar as tubaxes de fibrocemento e renovar a rede de abastecemento, substituír as redes de saneamento de augas fecais existentes en ámbalas marxes por unha canalización central, dotar a rúa de rede de augas pluviais, da que carecía; ademais de modernizar as redes eléctrica e de telecomunicacións e de renovar o alumeado público.
A nova vía é de formigón, e inclúe illas centrais de céspede e dúas pequenas zonas axardinadas. O proxecto, que tivo que adaptarse ás dimensións da rúa, tamén inclúe a sinalización horizontal e vertical e a colocación de mobiliario urbano.