HomeA CoruñaO proxecto “Fene 1941” arrinca este martes coa primeira aberta coa veciñanza

O proxecto “Fene 1941” arrinca este martes coa primeira aberta coa veciñanza

- Anuncio -spot_img

A sesión celebrarase ás 19.30h na Casa da Cultura, e contará coa participación de veciños de San Valentín, Perlío, Fene e Barallobre

O ciclo complétase cun segundo encontro o martes 14, tamén ás 19.30h, no mesmo espazo

O Concello de Fene convida a toda a veciñanza a participar este martes, ás 19.30h na Casa da Cultura, na primeira das Conversas Abertas coa Veciñanza, incluída no proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro”.

Este primeiro encontro reunirá a veciños de San Valentín, Perlío, Fene e Barallobre, que compartirán as súas lembranzas e experiencias arredor do estaleiro, a vida nas parroquias e o papel que esta industria tivo no desenvolvemento económico e social do municipio.

A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, destacou que “estes faladoiros son unha oportunidade única para poñer voz e rostro á memoria colectiva de Fene, recuperando historias humanas que forman parte da nosa identidade e da historia do país”.

O formato, pensado como unha conversa aberta e distendida, busca favorecer o diálogo entre xeracións e recoller testemuños de quen traballou no estaleiro ou viviu a súa pegada desde os fogares, o comercio ou as tabernas.

O ciclo complétase o martes 14 de outubro, tamén ás 19.30h, cun segundo faladoiro que continuará este proceso de recuperación da memoria viva do concello no resto de parroquias.

O proxecto Fene 1941 desenvólvese nos anos 2024 e 2025 e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e nun 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galiza.

Publicacións Relacionadas