O PSdeG acusa a Verea de antepoñer a defensa da Xunta ás necesidades do Quiroga Palacios

Redacción

Aitor Bouza critica que o portavoz do PP volva poñerse do lado do Goberno de Rueda en lugar de reclamar a ampliación que leva anos demandando a comunidade educativa.

Os socialistas lembran que incluíron esta actuación nas emendas aos orzamentos da Xunta para 2026 e que Verea votou en contra, e esixen á Xunta e ao Concello que abandonen a confrontación e acorden unha solución.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, criticou a postura do portavoz municipal do PP, Borja Verea, respecto da ampliación do CEIP Quiroga Palacios e acusouno de priorizar unha vez máis a defensa da Xunta de Galicia fronte aos intereses da comunidade educativa compostelá.

Bouza asegurou que, coñecida a posición do popular, desde o Partido Socialista non poden máis que mostrarse “novamente sorprendidos e sorprendidas” de que Verea “o único que decida, neste caso, é defender á Xunta de Galicia” en lugar de “defender a ampliación tan importante que precisa este centro educativo”.

O secretario xeral dos socialistas composteláns lembrou que o PSdeG xa reclamou esta actuación nas emendas aos orzamentos autonómicos para 2026 e incidiu en que “o señor Verea votou en contra”. Para Bouza, esta decisión volve demostrar que “sempre que ten que decidir por apostar e por defender a Santiago, vota en contra”.

Neste sentido, criticou que agora o portavoz popular “o único que fai é saír en defensa da Xunta de Rueda”, cando o que debería facer é reclamar que “a Xunta de Galicia se comprometa” coa ampliación dun centro cuxa comunidade educativa leva anos demandando máis espazos e mellores instalacións.

Fronte ao intercambio de reproches entre administracións, Bouza reclamou “tanto á Xunta de Galicia como ao Concello que se senten a falar as horas que faga falla” ata acadar un acordo que permita desbloquear definitivamente a ampliación do Quiroga Palacios.

O deputado socialista advertiu de que o prioritario debe ser “que realmente se solucione este problema” e evitar que sexa “a comunidade educativa a que padeza” as consecuencias da “falta de diálogo”, da “falta de consenso” e, sobre todo, da “crispación permanente” entre a Xunta e o Concello.

Bouza insistiu en que, despois de anos de reivindicacións, as familias e o conxunto da comunidade educativa non necesitan máis confrontación institucional. Xunta e Concello, subliñou, “o que teñen que realmente poñer enriba da mesa son solucións e non máis problemas” para unha comunidade educativa que leva anos reclamando “estas melloras, esta ampliación do centro educativo”.

Comparte este artigo