O PSdeG acusa a Verea de votar no Parlamento en contra das solucións á vivenda que despois promete en Santiago

Redacción

O deputado socialista Aitor Bouza cuestiona que o Partido Popular rexeite na Cámara galega unha medida que agora presenta como proposta propia en Compostela e reclama explicacións á conselleira de Vivenda.

Bouza defende a creación dun banco público de alugueiro para mobilizar vivendas baleiras, topar os prezos e ofrecer garantías ás persoas propietarias, unha iniciativa que os socialistas levan anos reivindicando.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, denunciou no pleno do Parlamento de Galicia que o PP de Borja Verea propoña agora en Santiago a creación dun banco público de alugueiro, unha medida que os populares votaron reiteradamente en contra na Cámara galega, segundo lembrou o socialista.
Durante a súa intervención, Bouza lembrou que “o Partido Socialista leva defendendo o banco público de aluguer durante meses e anos”, mentres que o Partido Popular leva tempo asegurando que “é unha medida que evidentemente non vale para nada”. Neste sentido, cuestionou que agora o PP de Santiago inclúa entre as súas propostas precisamente a creación deste instrumento público para facilitar o acceso á vivenda.
O deputado socialista fixo referencia á publicación difundida polos populares composteláns, na que aseguraban que “a vivenda non se soluciona con consignas, senón con medidas” e propoñían crear un banco público de alugueiro. Ante esta situación, preguntou á conselleira de Vivenda “se pode ser máis incongruentes?”, ao tempo que reprochou ao PP que “veñen aquí, votan en contra do banco público e van a Santiago como Partido Popular, o mesmo Partido Popular, e propoñen a mesma medida que aquí votan en contra”.
Bouza reclamou que os populares aclaren se modificaron a súa posición e se agora están dispostos a apoiar a iniciativa desde a Xunta de Galicia ou se, pola contra, manteñen discursos diferentes segundo a institución, “ou simplemente din unha cousa aquí e a contraria onde non gobernan”, cuestionou, insistindo en que o Partido Popular debe explicar cal é realmente a súa postura sobre esta medida.
Fronte a estas posicións, Bouza reafirmou o apoio socialista á creación dun banco público de alugueiro que permita “mobilizar todas as vivendas baleiras” e conseguir que “se topen os prezos e que se poñan en movemento todas esas vivendas”. Ademais, defendeu a necesidade de ofrecer garantías ás persoas propietarias, tanto no cobramento das rendas como na devolución dos inmobles en boas condicións.
O deputado insistiu en que “ese é o banco público que nós levamos defendendo durante tanto tempo, tantas veces que vostedes votaron en contra”, e reclamou ao Goberno de Rueda que aclare se está disposto a apoiar finalmente unha medida que os socialistas consideran necesaria para ampliar a oferta de alugueiro e facilitar o acceso á vivenda.
Bouza rematou a súa intervención cunha crítica directa á contradición dos populares, asegurando que, cando leu a publicación do PP de Santiago, pensou que “realmente era un tweet do Partido Popular de Santiago para a conselleira de vivenda da Xunta de Galicia”, en referencia ao rexeitamento do Goberno galego a unha medida que agora defenden os populares composteláns.

Comparte este artigo