HomeA CoruñaO PSdeG acusa ao Goberno de Sanmartín de improvisar cos comedores escolares...

O PSdeG acusa ao Goberno de Sanmartín de improvisar cos comedores escolares tras anunciar informes que estaban “practicamente listos”

- Anuncio -spot_img

Guinarte lembra que a comisión foi convocada de urxencia o 29 de decembro e que, dous meses despois, segue sen aparecer ningún informe nin proposta alternativa sobre o novo modelo.

Os socialistas acusan ao executivo de Sanmartín de improvisación e propaganda mentres as familias seguen sen certezas sobre o futuro do servizo.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou a falta total de avances e de información pública sobre o novo modelo de xestión do servizo municipal de comedor escolar anunciado polo Goberno municipal a finais do pasado ano.

Guinarte lembrou que o 29 de decembro se celebrou “a comisión constitutiva da Comisión de Estudo para determinar a fórmula máis sustentable e eficiente de xestionar o servizo”, unha convocatoria que se xustificou pola urxencia porque, segundo afirmara a propia concelleira Miriam Louzao, os informes “estaban practicamente listos” e “non se podía demorar nin un só día máis a constitución da comisión”.

“Pois ben: hoxe, máis de dous meses despois, non sabemos absolutamente nada. Nin informes, nin propostas, nin modelo alternativo. Silencio total”, afirmou o voceiro socialista, cuestionando o contraste entre a urxencia anunciada e a ausencia de resultados.

Segundo explicou, o único que se coñece a día de hoxe é “o que o propio goberno recoñeceu: que vai sacar unha nova licitación”. Ademais, lembrou que o pasado 2 de febreiro o Concello “contratou unha empresa externa para elaborar o prego de prescricións técnicas e o informe de valoración desa licitación”.

“E entón, onde está ese suposto modelo revolucionario de comedores do que tanto falaron? Onde está o cambio na xestión? Onde están os informes que estaban ‘practicamente listos’ o 29 de decembro?”, preguntou Guinarte, poñendo en dúbida a existencia real dese modelo alternativo.

Para o Grupo Municipal Socialista, esta situación evidencia “unha vez máis, improvisación, falta de planificación e moita propaganda, pero pouca xestión real”, xa que se anunciou unha urxencia que logo non se traduciu en ningún documento nin proposta concreta.

Para finalizar, Guinarte advertiu de que “as familias precisan certezas, planificación e responsabilidade” e non “un goberno que anuncia urxencias e logo deixa pasar os meses sen dar resultados”, insistindo en que o servizo de comedor escolar non pode estar sometido a anuncios sen concreción.

Publicacións Relacionadas