O PSdeG de Santiago denuncia a falta de rigor e responsabilidade do goberno de Goretti Sanmartín na xestión económica do Concello, tras comprobar que segue sen remitir ao Consello de Contas a Conta Xeral de 2024, malia ter sido aprobada no Pleno municipal de novembro.
A concelleira socialista Marta Abal alerta de que este incumprimento pode ter consecuencias económicas moi graves para Santiago, como a perda de subvencións e doutros fondos públicos, e anuncia que o grupo municipal esixirá explicacións inmediatas polo risco xerado pola mala xestión do goberno local.
O Grupo Municipal Socialista advertiu hoxe dunha nova mostra da mala xestión económica do goberno de Goretti Sanmartín, ao comprobar que o Concello de Santiago aínda non remitiu ao Consello de Contas a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2024.
Segundo os datos publicados polo propio Consello de Contas, a documentación segue sen enviarse malia ter sido aprobada no Pleno municipal do pasado 27 de novembro. A concelleira, Marta Abal, lembrou que, nese mesmo pleno, o grupo socialista xa advertira de que a Conta Xeral chegaba fóra de tempo e preguntaba “ao goberno municipal polas consecuencias deste atraso sen obter resposta algunha”.
Desde o Grupo Municipal Socialista subliñan que a non remisión en prazo da Conta Xeral pode ter consecuencias graves para Santiago, como a perda de subvencións e doutros recursos económicos fundamentais. Por este motivo, Abal indicou que “hoxe mesmo solicitaremos información ao goberno municipal para aclarar por que non se remitiu a Conta Xeral, cando ten previsto facelo, e cales son as consecuencias económicas concretas xa coñecidas deste incumprimento”.
“Unha vez máis queda en evidencia que a xestión do día a día atragántaselle ao goberno municipal presidido pola señora Sanmartín, poñendo en risco recursos económicos fundamentais para a cidade”, denunciou Abal.
A concelleira socialista concluíu sinalando que “non é admisible que con máis cargos directivos que nunca se produzan este tipo de incumprimentos na capital de Galicia”. Para o Grupo Socialista, “Santiago non pode permitirse unha xestión tan irresponsable, nin perder oportunidades por falta de planificación e por falta de rigor”.



