HomeA CoruñaO PSdeG denuncia a falta de actuación do Goberno de Sanmartín no...

O PSdeG denuncia a falta de actuación do Goberno de Sanmartín no estado dos aparcamentos de Valentín Varela Iglesias e Escultor Ferreiro

- Anuncio -spot_img

Marta Abal critica que o executivo leve meses “sen dar solución” a un problema que xa foi levado ao pleno sen avances.

A concelleira socialista reclama planificación e prazos e advirte de que a situación empeorou tras o inverno.

O grupo socialista confía en que o Goberno “pase das palabras aos feitos” e evite ter que volver levar esta cuestión ao pleno.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a falta de actuación do Goberno da señora Sanmartín ante o estado das zonas de aparcamento das rúas Valentín Varela Iglesias e Escultor Ferreiro, unha cuestión que o grupo municipal socialista tivo que volver levar ao último pleno municipal.
Abal lembrou que este problema xa fora formulado hai meses “sen que se producise ningún avance”, o que evidencia, ao seu xuízo, a falta de resposta do executivo local ante demandas claras da veciñanza.
A concelleira socialista advertiu de que se trata de espazos “cun firme moi deteriorado, con fochancas e irregularidades” que afectan á seguridade tanto de peóns como de vehículos, unha situación que, segundo indicou, “non pode seguir sendo ignorada”.
Neste sentido, criticou que no anterior pleno o Goberno municipal se limitase a sinalar que era necesario cambiar o pavimento e que “o ían estudar”, pero “sen concretar prazos nin actuacións”.
“A día de hoxe, a única explicación que dan é que están cambiando os contedores e que, cando rematen, xa verán que fan co firme”, denunciou Abal, quen cualificou esta resposta de insuficiente ante un problema que continúa agravándose.
A concelleira advertiu de que, tras o inverno, o estado destes espazos é aínda peor, polo que reclamou ao Goberno municipal “planificación, prazos e unha actuación clara” para reparar o pavimento e garantir condicións seguras para a veciñanza.
“Falamos de algo básico como é o mantemento dos espazos públicos, e o que non sería razoable é ter que volver traer ao pleno unha cuestión tan evidente”, subliñou.
Por iso, Abal expresou a súa confianza en que “esta vez o Goberno pase das palabras aos feitos” e dea unha solución definitiva a un problema que leva demasiado tempo sen resposta.

Publicacións Relacionadas