Gumersindo Guinarte advirte de que Santiago pode quedar un ano máis sen este servizo e acusa ao executivo local de repetir os mesmos erros do pasado verán.
O voceiro socialista critica que, a poucos días da primavera, o goberno segue sen licitar o servizo e sen ofrecer explicacións.
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu de que, a poucos días da chegada da primavera, Santiago pode quedar un ano máis sen poder desfrutar das cafetarías dos parques municipais e responsabilizou ao goberno da señora Sanmartín desta situación pola súa falta de previsión e planificación.
Guinarte lembrou que o pasado ano “a falta de previsión e de axilidade do goberno local para licitar a tempo o servizo das cafetarías dos parques Eugenio Granell, A Granxa do Xesto e O Berce do Sar provocou que o concurso quedase deserto en pleno verán”, e advertiu de que “isto non foi produto dunha casualidade”, senón consecuencia directa da xestión do executivo municipal.
O voceiro socialista explicou que “as empresas que poden estar interesadas neste servizo precisan que se licite con tempo suficiente para traballar e obter rendibilidade económica durante a primavera e o verán”, que son os meses de maior actividade. Por iso, criticou que, pese a que o goberno se comprometeu a sacar de novo o concurso axiña, “a día de hoxe seguimos sen ter ningunha información sobre o futuro destas cafetarías que ofrecen un servizo tan necesario e demandado polos veciños e veciñas de Santiago”.
Guinarte advertiu de que esta falta de planificación volve poñer en risco un servizo demandado pola cidadanía e insistiu en que a situación evidencia unha maneira de gobernar baseada na improvisación e na ausencia de previsión. Ao seu xuízo, non é admisible que a poucos días da mellor tempada para o seu funcionamento o executivo municipal siga sen mover ficha.
Por iso, anunciou que o Grupo Municipal Socialista preguntará no pleno deste mes cando pensa o goberno municipal licitar este servizo “para que as cafetarías poidan funcionar na súa mellor tempada en condicións atractivas para que haxa empresas interesadas en presentarse”, e advertiu de que o executivo local “xa vai tarde coa licitación do concurso”.



