O PSdeG denuncia que a Xunta recomenda aos pacientes de Conxo levar o seu propio ventilador ante a falta de climatización

Redacción

Aitor Bouza critica que a área sanitaria Santiago-Barbanza volva ser noticia polas condicións “absolutamente inhumanas” que están a sufrir pacientes e familiares no Hospital de Conxo.

Os socialistas levarán esta situación ao Parlamento de Galicia para esixir que a climatización sexa “unha realidade e non soamente unha promesa” e que non haxa “pacientes de primeira e pacientes de segunda”.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, denunciou hoxe a situación que están a sufrir pacientes e familiares no Hospital de Conxo polas altas temperaturas rexistradas nas habitacións, unha realidade que volve poñer en evidencia a distancia entre a propaganda da Xunta e as condicións nas que se está a prestar a atención sanitaria na área Santiago-Barbanza.

Bouza advertiu de que a área sanitaria “volve a ser noticia xustamente por malas noticias”, despois de que pacientes e familiares levantasen a voz polas “condicións absolutamente inhumanas” nas que se atopaban, lembrando que “nalgunhas das habitacións chegaron a ter 30 grados”.

Neste sentido, o dirixente socialista criticou que o Goberno galego leve semanas “vendendo esta obra como se xa estivera finalizada, como se fora un éxito”, nun exercicio de propaganda que, ao seu xuízo, volve chocar coa realidade que sofren os pacientes.

A resposta da Consellería de Sanidade, lonxe de resolver o problema, agrava aínda máis a denuncia socialista. Bouza censurou que, en vez de rectificar, poñer solucións e garantir a dignidade das persoas ingresadas, “a única solución que lles deu foi optar porque poden traer eles mesmos o seu propio ventilador”.

“É absolutamente vergoñento”, afirmou o deputado socialista, que acusou á Xunta de Rueda de trasladar aos pacientes a responsabilidade de soportar unha situación que debería estar resolta pola administración sanitaria. Para Bouza, “ese é o sistema que está promovendo o Partido Popular en Galicia, o sistema sanitario que quere implementar en Santiago de Compostela”.

Ante esta situación, o secretario xeral do PSdeG de Santiago anunciou que as e os socialistas levarán esta cuestión ao Parlamento de Galicia. “Non o imos a permitir”, asegurou Bouza, que reclamará “que se culmine canto antes xa todas esas obras para que o sistema de climatización sexa unha realidade e non soamente unha promesa”.

O deputado socialista advertiu de que non se pode permitir que “haxa pacientes de primeira e pacientes de segunda”. Por iso, esixiu ao Goberno de Alfonso Rueda que deixe de mirar cara outro lado e actúe con urxencia para garantir unha atención sanitaria en condicións.

Para rematar, Bouza reclamou unha sanidade pública forte, con recursos e capaz de atender con dignidade á cidadanía, fronte a un Goberno galego que, segundo denunciou, volve deixar “tirados e tiradas a todos os compostelás e composteláns e a toda área de influencia que precisan dunha sanidade pública en calidade”.

Comparte este artigo