A concelleira socialista Marta Abal denuncia que a falta de mantemento obrigou a suspender este ano a visita ás ruínas durante a Romaría do Castelo.
Os socialistas lembran que o Castelo da Rocha é un Ben de Interese Cultural e reclaman ao Goberno municipal que cumpra coa súa obriga legal de protexer, conservar e poñer en valor este patrimonio.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou o estado de abandono no que se atopa o Castelo da Rocha, despois de que a falta de mantemento obrigase a suspender este ano a tradicional visita ás ruínas durante a Romaría do Castelo. O PSdeG reclama ao Goberno municipal unha actuación urxente para recuperar este Ben de Interese Cultural e evitar que o deterioro siga limitando o seu uso e desfrute por parte da cidadanía.
Abal lembrou que o pasado sábado a veciñanza da Rocha celebrou a tradicional Romaría do Castelo, unha cita que leva quince anos reunindo aos veciños e veciñas arredor dun dos espazos patrimoniais máis emblemáticos da zona. Porén, advertiu de que este ano a celebración quedou incompleta porque “a tradicional visita ás ruínas do Castelo tivo que suspenderse” ao atoparse a fortaleza practicamente cuberta pola maleza e sen condicións para acceder a ela.
A concelleira socialista lembrou que o Castelo da Rocha está declarado Ben de Interese Cultural, polo que o Concello ten a obriga legal de “protexer, difundir e fomentar o seu valor como parte do patrimonio cultural” da cidade. Neste sentido, puxo en valor os investimentos realizados durante o anterior mandato socialista para avanzar na recuperación da fortaleza e na súa potenciación como recurso educativo, cultural e turístico.
Para Marta Abal, resulta inaceptable que un espazo destas características presente un estado de abandono que impida incluso o desenvolvemento dunha actividade tan consolidada como a visita organizada durante a Romaría. “Estamos a falar dun patrimonio que pertence á veciñanza da Rocha e a toda a cidadanía de Santiago”, subliñou.
Por iso, desde o Grupo Municipal Socialista esixen ao Goberno municipal que “adopte urxentemente as medidas necesarias para proceder á limpeza do Castelo”, garantindo a súa conservación e permitindo que este enclave histórico poida volver ser desfrutado en condicións pola veciñanza e por todas as persoas que visitan Santiago.
“Non podemos permitir que a falta de mantemento siga deteriorando un dos elementos patrimoniais máis importantes da cidade. O Castelo da Rocha merece conservación, respecto e unha aposta decidida pola súa posta en valor”, concluíu Marta Abal.

