A concelleira socialista Marta Abal cualifica de “absolutamente inadmisible” que a concesionaria comunique que non abonará os salarios de setembro, unha situación que se suma ao impago da paga extra de xuño.
Os socialistas reclaman ao Goberno local que empregue “todas as vías administrativas e xudiciais ao seu alcance” para facer cumprir o contrato e garantir o pagamento das cantidades pendentes ás traballadoras.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal esixiu ao Goberno local que actúe de maneira inmediata ante a situación das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, despois de que a empresa concesionaria lles comunicase que non abonará as nóminas correspondentes ao mes de setembro, un novo impago que se suma ao da paga extraordinaria de xuño.
A concelleira socialista Marta Abal trasladou o apoio do grupo municipal socialista ás profesionais dun servizo esencial para a cidade e lembrou que “as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar realizan un labor imprescindible no coidado e atención de moitos dos nosos veciños e veciñas”, incidindo ademais en que se trata “dun sector altamente feminizado, que leva anos loitando polo recoñecemento do seu traballo e polos seus dereitos” e que agora ten que afrontar tamén o impago dos seus salarios.
Para Abal, que a concesionaria anuncie que non vai aboar as nóminas de setembro despois de deixar pendente a paga extra de xuño é “unha situación absolutamente inadmisible”, xa que “o pagamento dos salarios é un dereito que teñen as traballadoras e un incumprimento moi grave da empresa contratista”.
Ante esta situación, a concelleira reclamou unha resposta inmediata do executivo de Goretti Sanmartín e esixiu ao Goberno local que “actúe con dilixencia e empregue todas as vías administrativas e xudiciais ao seu alcance para facer cumprir o contrato e garantir o abono das cantidades pendentes”. Ao mesmo tempo, as e os socialistas reclaman á concesionaria “responsabilidade e cumprimento estrito das súas obrigas laborais e contractuais”.
Abal insistiu en que o conflito non pode acabar repercutindo nin nas profesionais nin nas persoas que dependen deste servizo, porque “a prestación dun servizo esencial debe facerse con todas as garantías, tanto para as persoas usuarias como para as profesionais que o fan posible cada día”.

