Marta Abal advirte de que os informes encargados polo propio Concello sinalan importantes necesidades de investimento nos depósitos e cualifican a ETAP do Tambre como “obsoleta” e ao final da súa vida útil.
As e os socialistas consideran que o recente vertido que chegou ao Tambre debe servir para avaliar a capacidade de resposta do sistema ante futuras incidencias e reclaman ao Goberno de Sanmartín que deixe de demorar unha decisión sobre o modelo de xestión.
Gumersindo Guinarte esixe á Xunta máis control e inspección das instalacións susceptibles de provocar vertidos e maior transparencia sobre a súa afección ambiental.
O Grupo Municipal Socialista reclamou hoxe desbloquear dunha vez a xestión do ciclo integral da auga en Santiago e abordar os investimentos que precisan as infraestruturas da cidade. O recente vertido procedente dunha explotación de Tordoia, que acabou alcanzando o río Tambre, volveu poñer sobre a mesa a necesidade de garantir a capacidade de resposta do sistema ante unha incidencia prolongada que poida afectar á captación.
O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu de que non é a primeira vez que se produce un episodio destas características e reclamou á Xunta “máis intensidade e máis control nas inspeccións deste tipo de infraestruturas”, especialmente tendo en conta que do Tambre se abastecen núcleos de poboación como Santiago e Ames. Guinarte reclamou tamén maior transparencia sobre as consecuencias do vertido porque, preocupado pola falta de información e resposta sobre “como afectou realmente esta vertedura á flora e á fauna que vive nestes ríos e na súa contorna”.
Para os concelleiros socialistas, o acontecido obriga tamén a mirar cara ás propias infraestruturas de Santiago e preguntarse, como sinalou o seu voceiro, “se están nas mellores condicións ou están en condicións aceptables, polo menos para facer fronte a unha situación de risco como esta”. Neste sentido, a concelleira Marta Abal lembrou que “a diagnose está clara” e que os informes elaborados pola Cátedra da Auga da Universidade da Coruña conclúen que son necesarios “investimentos importantes e sostidos no tempo” para garantir no futuro os servizos de abastecemento, saneamento e drenaxe.
Abal puxo especialmente o foco nos depósitos de cabeceira e, segundo explicou, o informe sinala que o dos Vilares, que representa aproximadamente a metade da capacidade total de almacenamento, presenta un teito “en moi mal estado, con serio risco de derrubamento”, mentres que sobre o depósito do Polígono do Tambre existen dúbidas sobre se chegaron a executarse as actuacións estruturais que precisaba, “non o dicimos nós, dio a información que manexa o Goberno municipal”, recalcou.
A concelleira socialista advertiu tamén sobre a situación da ETAP do Tambre, deixando claro que a auga potable ofrece “as máximas garantías de consumo”, pero incidindo en que iso non pode facer ignorar a diagnose existente. “O propio informe di que a planta está obsoleta e que cumpriu a súa vida útil”, explicou Abal, lembrando ademais que o estudo advirte de que “os riscos que se están asumindo son altos” polo estado da obra civil e dos equipos auxiliares.
Ante esta situación, o grupo municipal socialista considera que non se pode seguir demorando a decisión sobre o futuro do servizo. Abal lembrou que o Goberno de Goretti Sanmartín anunciou o 13 de marzo que actualizaría os estudos antes de decidir entre concesión ou sociedade de economía mixta, pero máis de seis meses despois “a día de hoxe, o certo é que non sabemos absolutamente nada”, e advertiu que “non podemos estar atascados con este tema eternamente”.
Os concelleiros reiteraron que a súa proposta é a concesión, aínda que Abal deixou claro que dende o grupo socialista “non temos ningún problema en estudar calquera posibilidade viable que se nos poña enriba da mesa”. Por iso, reclamou dilixencia ao Goberno municipal e altura de miras ao conxunto da Corporación para deixar de lado “postulados ideolóxicos” e “intereses partidistas ou electoralistas” e adoptar unha solución que permita afrontar os investimentos necesarios.
“Estamos ante un problema importante que hai que abordar dunha vez por todas”, concluíu Abal, lembrando que as actuacións que precisa o ciclo integral da auga son “solucións estruturais e transversais que transcenden e deben transcender unha lexislatura”.

